Os compoñentes de TRIM terán ocasión de pechar a décimo sexta gala de entrega dos PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz ofrecendo un concerto no que debullarán as composición que forman parte da súa ópera prima, un traballo discográfico moi ben valorado que amosa as calidades dos artistas. Fernando Barroso, quen responde á entrevista, e o portugués Luís Peixoto traballaron xuntos en varios proxectos e para este decidiron incorporar ao gaiteiro Pedro Fariñas coa idea de achegar unha sonoridade diferente ao xuntar a gaita cos instrumentos de corda.

- En que momento da súa andaina vén a banda a tocar ao teatro Rosalía?

-Fixemos o disco hai uns tres anos e naquela época estabamos revolucionados facendo outras cousas, así que as presentacións quedaron un pouco paradas. Estamos retomando a actividade e aínda que andamos metidos noutros proxectos, para nós TRIM sempre está aí presente.

- Que deu de si a actuación que fixeron na Coruña, dentro do programa Focus , que pretendía visibilizar aos programadores internacionais a música galega, incluído no Womex que se celebrou en outubro pasado?

-Vimos de facer un concerto en Dinamarca que xurdiu grazas a ese showcase e tocaremos en agosto no famoso Festival Intercéltico de Lorient. Estanse realizando contactos para este verán e incluso para o ano que vén, xa que hai festivais que programan con moita antelación. Esperemos que nos xurdan máis contratacións.

- Están máis afeitos a actuar en locais pequenos. Que significa tocar no Rosalía e na gala dos PREMIOS OPINIÓN?

-A nosa idea co grupo era actuar en todo tipo de espazos, tamén en festivais ou teatros. Está moi ben tocar nese teatro e na gala duns premios que nos deron a satisfacción de recibir dous galardóns co conxunto, o que nos serviu á hora de obter máis visibilidade nun proxecto que tivo unha boa acollida no eido do folk. É óptimo sentirse ben valorado Tres músicos poden encher completamente un escenario e nós imos un pouco na onda deses tríos que fan unha música potente.

- Foi varias veces finalista, gañador con TRIM de dous premios e un con Assembly Point. Este ano aparece por primeira vez como candidato na categoría de mellor artista. Que valor lle dá a obter un premio?

-A calquera lle gusta que recoñezan o seu traballo e que este logre a maior repercusión posible. Ter a un publico que responde é o máis importante, mais tamén é de valorar que esteas aí presente entre os finalistas. Cando traballas non debes estar a pensar nos premios, senón que estes chegan como consecuencia do teu labor.

- Vostede e Luís Peixoto son cómplices musicais dende hai anos. Neste trío engadiron a gaita de Pedro Fariñas. Como traballaron para dar acomodo a ese instrumento entre os de cordas que tocan vostedes?

-Non resulta nada doado en termos de afinación e empastalos é algo complicado por mor do timbre dos instrumentos. Gravamos ao vivo no estudo, nunha toma tocando xuntos. O que fixemos foi traballar para traer a gaita ao noso terreo, o dos instrumentos de corda, pero a verdade é que non é unha cousa sinxela de realizar.

- Pensan xa nun segundo álbum de TRIM?

-Estamos metidos noutros proxectos e non pensamos niso nunha axenda próxima, mais é algo que non desbotamos, xa que é unha proposta que nos gusta moito e, como comentei antes, imos realizar concertos nos vindeiros meses.

- Cando compón temas pensa nalgún momento se un deles sería bo para TRIM e non tanto para o seu traballo de solista?

-Si, podes pensar que algunha peza se axusta mellor a un proxecto musical que a outro, que resulta máis adaptable ao estilo. Teño un arquivo grande e vou gardando ideas, tamén as que non me acaban de convencer no momento e que deixo aí por se acaso despois poden resultar de axuda para algo.

- No concerto da gala farán só temas do disco?

-As pezas en total duran uns trinta e sete minutos, un pouco máis do tempo que temos estipulado para o recital. Faremos case todo o álbum, mais seguramente meteremos algo diferente que adoitamos empregar para os directos.