O público asistente á gala verá a dez cantareiras enriba do escenario cantando con enerxía e tocando percusións. Proveñen da fértil canteira de voces xurdidas na Asociación Xuvenil Xiradela de Arteixo. Son un fato de alumnas de Fransy González, un dos referentes galegos no eido das cantareiras, con quen falamos da actuación que ofrecerá Algarada na gala dos PREMIOS OPINIÓN.

- Que pezas interpretarán na actuación?

-Imos facer tres temas variados en canto a ritmo e tamén xeograficamente. Unha peza é da provincia da Coruña, outra mestura algo de León e Lugo, onde as Algarada tocarán pandeira, e haberá outra da provincia de Pontevedra.

- Que significa para o grupo actuar na gala dos premios?

-Están nerviosas e, á vez, encantadas de poder formar parte dos concertos. Fixeron actuacións noutros contextos diferentes. Son alumnas de Xiradela e, para elas, é unha grande oportunidade poder estar tocando na gala.

- Como traballan na Asociación Xiradela coas voces?

-Eu seguín facendo nestes anos traballos de recollida por toda Galicia e continúo coas clases para xente de diversas idades, ensinando o que sei da tradición oral. Imos engadindo novas cousas ao repertorio que interpretamos.

- Que dificultades ten traballar con dez voces xuntas?

-Son moitas voces e diferentes. O que resulta máis complicado é que afinen todas ben.

- As Xiradela das que formou parte marcaron unha época e o seu único disco é un referente na música tradicional. Cal considera que era a clave daquel grupo de cantareiras?

-Tiñamos moita potencia. A clave para min é algo que eu expreso como 'botar fóra' . Creo que a expresión se entende. Noto que a moitos grupos actuais lles falta iso. A pandeireta tócana de marabilla, mais non hai potencia, esa forza que se vía nas antigas cantareiras. Non é so cuestión de potencia de voz, senón de sabela empregar. Insisto sempre en que é preciso botar fóra para lograr esa potencia no xeito de interpretar.