XVI Premios Opinión da Música de Raíz

O folk instrumental será o eixe musical dunha nova noite festiva da música galega

Na cerimonia de entrega de galardóns tamén haberá espazo para as voces coa actuación de Algarada, grupo da escola arteixá Xiradela, e o grupo Muxicas recibirá o premio á traxectoria

12.05.2017 | 21:13
Aspecto do patio de butacas no teatro Rosalía na pasada edición dos PREMIOS OPINIÓN.

Cada gala de entrega de premios ten o seu deseño propio no aspecto musical para tentar ofrecer variedade en cada edición que se celebra aos espectadores presentes no teatro. Nesta décimo sexta edición será o folk instrumental a cerna do que suceda no escenario, mais con dúas propostas diferentes estilisticamente que só coinciden en que teñen a gaita como elemento común nas formacións.

Primeiramente subirán ao escenario para abrir a gala o dúo do gaiteiro Anxo Lorenzo e o zanfonista Germán Díaz e despois escoitarase a parte vocal da noite. As cantareiras Algarada, grupo que naceu no seo da Asociación Xuvenil Xiradela de Arteixo, e que conta como directora musical con Fransy González, un referente na música tradicional galega e antiga compoñente daquelas Xiradela que marcaron unha época, van realizar hoxe a súa primeira actuación nun teatro. Cantarán tres temas tradicionais de diversas procedencias xeográficas. Despois da entrega dos tres galardóns pechará a gala o trío TRIM.

A imprescindible cita anual dos premios para os seareiros da música de raíz terá lugar ás oito e media do serán no teatro Rosalía de Castro. No decurso da cerimonia coñeceranse os gañadores nas categorías de mellor tema orixinal, disco e artista. Os que lograron máis candidaturas foron os do grupo Talabarte, posto que optan aos tres galardóns, mentres o cantautor Xoán Curiel, Caxade e Germán Díaz poderían lograr dous premios. Completan a lista de posibles gañadores nesta décimo sexta edición o grupo Aliboria, Fernando Barroso e a cantante Rosa Cedrón.

O galardón Andaina Senlleira chega a súa décima edición. Algún representante do desaparecido grupo vigués Muxicas, que principiou a actuar en 1978 e durante dúas décadas de sobranceira traxectoria publicou oito discos, subirá ao escenario para agradecer ese recoñecemento ao seu labor.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine