O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes, asegura que "a galega é unha cultura sen complexos" polo que apela ao "orgullo" cando se fala da "marca Galicia", un símbolo que supón un excepcional activo para toda a Comunidade.

Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951) leva apenas un mes e medio nun cargo e confesa que aínda aprende "as necesidades dunha institución que ten 110 anos de historia, que conta cunha enorme responsabilidade e é moi solvente, está moi ben organizada e posúe unha xestión e unha economía moi acertadas". O momento actual é clave, pois este mércores celébranse as Letras Galegas, o evento de maior calado do ano no panorama cultural galego e, cuns recursos humanos e económicos limitados, anticipa un "esforzo enorme para estar á altura", unha xornada dedicada a Carlos Casares.

Como presidente da RAG durante o próximos catro anos, márcase un reto que el mesmo ve moi complicado, aínda que é ilusionante e a súa consecución supoñería un cambio fundamental nunha Galicia amante e orgullosa da súa cultura. O desafío desde unha institución que "representa a memoria histórica" da comunidade é "conectala con esta sociedade, que sofre unha transformación importante no século XXI", unha tarefa vinculada estreitamente coa súa traxectoria, pois aínda que foi editor e escritor, a súa vida académica e profesional é o xornalismo.

"Esta tarefa é difícil porque a realidade é difícil, pero non debemos esquecer que hoxe unha cultura existe na medida en que está instalada na realidade. A cultura galega pactou co alfabeto, co libro, co mundo audiovisual. Está presente nas novas tecnoloxías e ten que estar presente nesta nova realidade histórica", continúa. Incide en que a galega é "unha cultura moderna, do primeiro mundo, cunha lingua activa conectada con outros continentes, coa súa irmandade co portugués, que se debe aproveitar". "Somos unha cultura sen complexos con enorme producción en literatura, artes plásticas, cinema ou comunicación. É algo do que nos debemos sentir orgullosos. A nosa cultura, a Marca Galicia, é un activo mesmo económico xa non só no ámbito das letras senón no mundo da gastronomía, da pedra tallada ou do turismo. A Academia ten que estar aí", agrega.

Nese sentido apela á importancia do papel dos galegos para a posta en valor da súa cultura, que ten "un nivel de creatividade e creación cultural que non teñen moitas outras con moitísima máis xente". "O aspecto máis difícil é ir superando esa marca negativa que temos no noso ADN. Iso de que non somos capaces porque somos poucos e estamos aquí na esquinita non é verdade. Temos que poñelo en valor, o noso, e defendelo sen chovinismos patateros. Debemos facer unha modernidade competitiva desde a nosa modernidade e a nosa lingua", argumenta.

A Academia non é a única institución que se debe implicar nesta importante tarefa, "nin a salvadora da patria", pero Fernández Freixanes manifesta que ten "moito que sachar, que empuxar e traballar para conseguilo", para alcanzar unha fronte común ante "un problema social que existe en Galicia desde hai moito tempo". Apela non tanto ás administracións públicas como á sociedade civil, na que cre cegamente, pois "confiar todo en que algún día os políticos van resolver a realidade é unha mentira". "Traballar a sociedade civil paréceme fundamental. Que perciba á academia como algo seu, da que sente orgullosa e vea útil. Debemos conseguir que a sociedade sexa consciente de todo o traballo que se fai na Academia", subliña.

Para afrontar o importante reto do novo presidente, xunto a outros de menor entidade e o traballo diario nuns enormes arquivos e biblioteca, fan falta recursos e na actualidade a Academia dispón dun orzamento de 950.000 euros ao ano, por baixo dos tres millóns de euros dos responsables da cultura vasca e moi lonxe dos nove millóns do Instituto de Estudos Cataláns. "Gustaríame crear unha asociación, unha irmandade de amigos da Academia Galega, que cidadáns e empresas poidan contribuír a desenvolver proxectos. É un desafío para o próximos catro anos", revela o novo presidente.

O presidente da RAG non quere "cheques en branco" senón apoio a "iniciativas concretas e programas concretos" e pide ás administracións públicas que "comparen" a situación "coas tres linguas que non son o castelán".