Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e de Política Social, José Manuel Rey Varela, participaron onte na entrega dos premios do certame de declaracións de amor na rede Lingua de namorar, organizado pola Secretaría Xeral e pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. O concurso está dirixido a mozos de 14 a 35 anos, co obxectivo de dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas relacións interpersoais e nas novas tecnoloxías, sobre todo na internet e na mensaxería instantánea, e mais incrementar a percepción do galego como unha lingua útil para os momentos de lecer.

Na súa intervención o conselleiro de Cultura e Educación salientou que o obxectivo deste concurso é animar os mozos a expresarse en galego en todos os ámbitos da vida e, dunha maneira especial, nas redes sociais, que tanta relevancia teñen nas relacións cotiás da mocidade. Neste sentido lembrou que esta foi a primeira iniciativa na que as dúas consellerías se uniron para promover o uso do galego entre a xente nova, unha liña de colaboración que ten agora o seu maior reto na elaboración do primeiro Plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade, co fin de potenciala como lingua de relación entre os máis novos.

A Consellería de Cultura e Educación, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, está a traballar na elaboración do que será o primeiro plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade feito pola Xunta. Román Rodríguez explicou que este plan vai implicar a todo o Goberno no fomento da oferta asociativa e de lecer en galego, a consolidación da oferta de produtos na lingua propia para o público xuvenil ou coa posta en marcha de modelos lingüísticos galegófonos á rapazada que é castelanfalante en orixe.

Pola súa banda, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, destacou a importancia de celebrar concursos como Lingua de namorar para fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas en todos os ámbitos da súa vida, non só no académico. Rey Varela tamén aludiu á oportunidade que Lingua de namorar dá á mocidade para desenvolver a súa creatividade na faceta máis literaria "a través de non máis de 350 caracteres" mediante os cales foron quen de expresar os seus sentimentos e inquedanzas".

Na quinta edición deste certame, na que participaron preto de 600 mozos, ademais dos seis premios establecidos nas bases, o xurado concedeu tamén unha mención de honra. Para outorgar os galardóns o xurado valorou a elaboración das mensaxes e a súa orixinalidade e calidade lingüística.

Na categoría A, de 14 a 19 anos, de entre as 52 mensaxes que recibiron sete ou máis votacións, resultaron gañadora do primeiro premio Sara Caride Blanco (Cambados), coa mensaxe Eternidade; do segundo Inés Amado Rodríguez (Cuntis), por Escribindo poe sía; e do terceiro Ana Barros Fernández (Marín) con Foliada de mel. Na categoría B, de 20 a 35 anos, Diego Arranz Fernández (Ourense), gañou o primeiro premio con Ti, produto de risco; Estefanía González López (Santa Comba) o segundo pola mensaxe De Rosalía a Benedetti; e Rubén Barreira Blanco (Verín) por Contando. No referido á mención de honra, concedeuse á mensaxe En galego, de Anabel López Blanco (Melide), pola súa frescura e denotación pola identidade e lingua propias.