A Xunta e a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) asinaron onte un convenio de colaboración polo que, a través do Programa Vacacións en paz, a Administración autonómica financiará con 150.000 euros un dos dous avións que trasladarán a nenos saharauís desde os campamentos de refuxiados en Tindouf (Alxeria) para a súa acollida en Galicia durante o verán. En concreto, este ano serán máis de 300 os rapaces que pasarán os meses de xullo e agosto con familias de toda a comunidade.

Na firma, celebrada onte, estiveron presentes o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey; a presidenta de Sogaps, Maite Isla; e o delegado saharauí en Galicia, Habibulah Mohamed; que comunicaron que este ano serán un total de 326 os nenos refuxiados que serán acollidos.

Isla destacou que onte se formalizou un convenio sen o cal "sería totalmente imposible" traer aos nenos, e engadiu que a Xunta non só financia o traslado, senón que "tamén fai un esforzo" para que os menores teñan as súas respectivas tarxetas sanitarias e poidan facerse revisións médicas.

"Estamos moi contentos", asegurou, recalcando que con este programa dáselles aos nenos a oportunidade de abandonar durante dous meses o deserto no que viven habitualmente. Finalmente, a presidenta de Sogaps incidiu en que os refuxiados saharauís "están a dúas horas de España e moitas veces" a xente non se acorda deles.

Pola súa banda, Rey Varela comentou que este programa "demostra a solidariedade dos galegos". "O menos importante é o cuantitativo, o máis importante é o cualitativo", subliñou, antes de eloxiar o labor de Sogaps na súa "loita polas persoas que peor o están pasando".

Rueda valorou, así mesmo, que o esforzo da Administración galega permitiu que este ano aumente o número de nenos que se beneficiará deste programa, e considerou que colaborar con este proxecto non é só "a oportunidade de axudar", senón que "é case unha obrigación". "Hai refuxiados que están moi preto e agradezo o traballo incansable que fai Sogaps durante o ano", rematou.

Por outra banda, o Programa Mundial de Alimentos (PMA) reducíu en case un 20% as racións de comida que reparte entre miles de refuxiados saharauis nos campamentos de Tinduf (Argelia) e pediu axuda "urxente" a comunidade internacional de cara ó Ramadán, que empeza a finais de este mes. As familias refuxiadas teñen no PMA a súa principal fonte de alimentos, xa que o empleo e o acceso ó mercado están limitados na zona. A axencia da ONU, presente na zona desde 1986, viuse obrigada a reducir unha asistencia que inclúe alimentos de primeira necesidade como fariña, aceite e arroz. O PMA necesita "urxentemente" 7,9 millones de dólares (7,1 millones de euros) para poder seguir coa axuda a esta zona.