Poucos creadores teñen a sorte de contar, xunto cunha obra estritamente literaria, con outra de tipo lexislativo. Carlos Casares figura entre eles. Na súa bibliografía hai que incluír, por exemplo, a Lei de Normalización Lingüística. Como todas as leis, trátase dun traballo colectivo, pero na súa concepción, tramitación, aprobación e desenvolvemento, está presente o talante do autor que protagoniza este Día das Letras Galegas.

Ninguén máis afastado de dogmatismos que aquel escritor que decidiu participar no nacemento da democracia galega para servir de ponte entre as diversas ideas de Galicia presentes naquel histórico momento.

Esa ponte permite que unha das leis máis importantes nos primeiros pasos do autogoberno naza aloumiñada polo acordo. Os lexisladores foron fieis a unhas fermosas palabras que recolle o seu limiar: "a lingua é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade".

Vencellar lingua e unidade é capital para entender o modelo de recuperación do idioma que nos distingue. Optouse por establecer un binomio entre lingua e concordia, abandonando outro que asociaba lingua e conflito. Pasados trinta e catro anos dende a aprobación do marco legal da normalización lingüística, podemos afirmar que Carlos Casares e os outros inspiradores dela, acertaron plenamente.

Abonda para comprobalo con facer unha breve viaxe polo tempo e polo espazo. É inútil buscar outra época na nosa nosa longa historia onde o galego teña unhas posibilidades como as que ten hoxe. Podemos afirmar que vivimos nos soños dos que anhelaron para o noso idioma unha situación que deixara atrás a precariedade de tanto séculos.

Tampouco é unha tarefa doada atopar no mundo democrático de hoxe linguas coa dimensión da nosa, que gocen dunha maior fortaleza social, cultural, educativa e legal.

A conclusión que se deriva de comparar a situación do noso idioma co pasado e co presente, ten que ser optimista. Optimista pero non conformista. Queda moito por facer, entre outras cousas esa plena incorporación do galego a tecnoloxías que tamén modifican a nosa maneira de pensar, algo que preocupaba a Carlos Casares.

A cuestión é se seguir adiante no camiño da normalización mantendo o noso propio modelo, aquel modelo consagrado no Parlamento de Galicia no ano 1983, ou emular outros que, ademais de alleos, resultaron ser pouco aleccionadores.

O noso país decidiu tomar exemplo de sí mesmo para construír a súa convivencia, a súa autonomía, e tamén para recuperar un idioma sometido a moitas "noites de pedra". Non se equivocou. En pouco máis de tres décadas logramos reverter un esmorecemento lingüístico que duraba séculos, sen alterar a unidade do pobo nin facer da lingua un motivo de fricción social.

Conseguímolo sen caer nese erro que consistiría en aplicar en defensa do galego as ideas dogmáticas que desagradaban ao autor de Un país de palabras.

Somos debedores dunha xeración de galeguistas que defende unha idea non patrimonial de Galicia e o seu idioma. Esa xenerosidade permitiu que varias xeracións de galegos fosen educados cun principio básico para que se poida falar de auténtica comunidade: a existencia de puntos de encontro. Galicia tenos e un deles é a lingua. Ninguén é dono dela, e todos contribuímos a ela coa democracia da fala.

En 1983 a existencia de países multilingües era para algúns algo anómalo, transitorio ou inestable, condenado ao conflito permanente ou ao dominio inexorable dun dos idiomas. En 2017, en sociedades abertas e cosmopolitas, a rareza é precisamente o monolingüismo. Polo tanto, a aposta temperá polo plurilingüismo inclúe a Galicia dentro dos países pioneiros neste eido. No mundo global non existe a periferia; non hai pobos periféricos nin ten por qué haber idiomas periféricos.

Dicía Carlos Casares que "se tes unha mente aberta ao mundo, estás no mundo; e se a tes pechada, tanto ten que residas en Nova York como en calquera outro sitio". Esa mente aberta que caracteriza aos galegos permítenos a nós e á nosa lingua estar no mundo.

Somos moitos os galegos que compartimos esa confesión que fai Carlos Casares de ter vivido na súa infancia e mocidade nun contorno bilingüe sen saber que era bilingüe. Somos tamén moitos os galegos que aspiramos a que os nenos de A Galiña Azul vivan no seu futuro nunha Galicia plurilingüe sen darse conta de que o é. Será unha Galicia máis rica, dotada de máis recursos expresivos, con máis palabras para manifestar a súa enerxía sentimental e creadora.

Carlos Casares é un dos seus artífices. Deixounos moitas palabras para o noso país, as mesmas que usamos neste 17 de maio para darlle as grazas.