Día das Letras Galegas

Miles de persoas reclaman en Santiago o dereito a vivir en galego "sen restricións"

Diferentes entidades e colectivos saen á rúa para denunciar os impedimentos para usar o idioma propio no día a día - Chaman á rebeldía da mocidade a favor da lingua

18.05.2017 | 12:32
Miles de persoas reclaman en Santiago o dereito a vivir en galego "sen restricións"

Miles de persoas percorreron onte as rúas de Santiago, convocadas pola plataforma Queremos Galego, para reclamar e defender o seu dereito a vivir con "normalidade" día a día utilizando a lingua propia "sen restricións". Trátase dunha marcha xa tradicional neste Día das Letras Galegas, que cada ano reúne centos de persoas e colectivos para celebrar o17 de maio e pór o acento reivindicativo á xornada, que este ano adica a súa especial homenaxe a Carlos Casares.

A comitiva saíu da Alameda compostelá sobre as 12.15 horas nun ambiente marcadamente festivo e ao berro de Na Galiza en Galego, seguida de música e a ritmo de gaitas e pandeiretas. A marcha estivo encabezada por unha pancarta co lema En galego sen límites, portada por diversos representantes de entidades que apoian a plataforma, como Suso Seixo (CIG), Olalla Rodil (BNG) e Marcos Maceira (A Mesa pola Normalización Lingüística).

En declaracións previas ao comezo da manifestación, Maceira reivindicou o dereito a poder vivir en galego "sen restricións", dado que día a día existen dificultades en asuntos tan cotiáns como "abrir unha conta bancaria en galego". Unha situación que se reproduce noutros ámbitos, como no ensino, onde as restricións para o uso do galego "aumentaron estes anos no canto de diminuír". Por iso, reclamou á Xunta "pór fin ao apartheid lingüístico" e comprometerse cos acordos establecidos.

A convocatoria foi secundada, ademais, por representantes de formacións políticas como o BNG, En Marea, PSdeG ou Esquerda Unida. En declaracións aos medios, o portavoz de En Marea, Luís Villares, reivindicou que a sociedade "quere vivir en galego sen límites" e "con normalidade", criticando que "todo o mundo parece entendelo menos Feijóo". Villares reiterou que "se segue prohibindo que as matemáticas se impartan en galego", lanzando "unha mensaxe" de que o idioma "non é hábil para vivir todas as facetas da vida". "O presidente ten pouca química co galego", ironizou, para esixir que a Xunta ofreza a súa "colaboración" para que prevaleza a "normalidade" no día a día dos falantes.

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou que se trata dunha marcha "importante para o futuro" do país e do idioma para advertir que non se vai dar "nin un paso atrás" no dereito a vivir en galego. Así mesmo, lanzou unha mensaxe "de optimismo" ao contemplar a "miles de galegos e galegas reunidos en Compostela para reivindicar o idioma" e realizou "un chamamento á mocidade para que sexa protagonista da rebeldía" a favor da lingua. "É unha lingua útil, moderna e fainos estar no mundo con voz propia, con personalidade e brenos as portas a miles de persoas", recalcou.

A comitiva percorreu a rúa Senra e bordeou a Praza de Galicia, onde varios mozos enmascarados portaban unha pancarta na que se lía Defender a lingua non é delito, asinada por Ceivar. Os cánticos, as pancartas e a alegría predominaron ao longo do percorrido, que bordeou o centro urbano a través de Doutor Teixeiro e regresou polo Hórreo para introducirse na zona antiga de Compostela, momento no que a cola da manifestación empezou a saír da Alameda.

Ao longo da marcha puidéronse ver carteis e bandeiras de todo tipo, sobre todo independentistas ou de organizacións estudantís, como Erguer!, Acción Universitaria; de Anpas Galegas e de sindicatos como a CIG. Un grupo de persoas portaba flores de diferentes cores e outros, que marchaban con carteis de AGAL, acudiron disfrazados de sacerdotes, bispos e monxes.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Lo último Lo más leído
Enlaces recomendados: Premios Cine