O programa da TVG Pescadores de histor ias visita hoxe o porto de Lira, no concello coruñés de Carnota. Alí estará Andrés Domínguez que sae á pesca de maragota e pinto, moi bos peixes da zona xa que se crían nos fondos rochosos desta costa. Non obstante, isto tamén fai que sexa unha captura perigosa, por ter que arrimar tanto os barcos ás rochas.

O espazo da canle autonómica tamén estará coa peixeira Mari Carmen, que vende polas estradas de Carnota e di que este oficio hoxe é máis difícil pola competencia de venda ambulante. Esta muller fala dende a experiencia, xa que leva anos de porta en porta por todas as estradas do concello. X.H. Rivadulla conversará, ademáis, con Benedicta Saborido, unha muller que pasa dos oitenta anos e que dedicou toda a súa vida ao marisqueo. Deixou a profesión cando o corpo xa non lle permitía continuar.

Por outra banda, o espazo estará no restaurante Doña Teresa; alí falarán con Pepe Freira, un mariñeiro retirado que traballou en mares de todo o mundo e que hoxe se dedica á pesca deportiva de forma profesional, alugando a súa embarcación para levar xente a pescar. O propietario do restaurante, Tono Saborido, estivo moitos anos na emigración nos EUA, onde viviu de preto a traxedia das Torres Xemelgas, o cal o levou volver para Carnota. Tono cociñará ante o programa unha caldeirada de pinto e maragota.