A Xunta e a Real Academia Galega (RAG) asinaron onte un convenio de colaboración polo cal a Administración autonómica destina 520.000 euros para que a institución académica realice accións culturais, de investigación científica e investimentos.

O acordo foi asinado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes. No acto, tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o secretario da Academia, Henrique Monteagudo.

O Goberno galego destacou, nun comunicado, que a "colaboración permanente" da Administración autonómica coa RAG permite impulsar proxectos de investigación e divulgación lingüística de alta relevancia social. Pola súa banda, o presidente da RAG explicou que, con este acto, confírmase a contribución da Xunta á institución que contemplan os orzamentos autonómicos para 2017, cuxa cifra "xa estaba tratada coa anterior" executiva da Academia.

Respecto diso, Freixanes agradeceu o "apoio" tanto do Executivo autonómico como doutras institucións para que a RAG poida desenvolver a súa actividade. Con todo, considerou que os recursos "non son suficientes" para que a Academia realice todas as súas actividades e avogou por unha maior "colaboración" de todos os organismos. "Non pedimos un cheque en branco pero necesitamos recursos humanos, científicos, técnicos e económicos para desenvolver proxectos e dar conta do que fai a Academia", sinalou.