Os protagonistas do Casamos desta noite na Televisión de Galicia (TVG), Teresa e José Luis, levan toda unha vida de amor incondicional. Coñecéronse sendo os dous moi novos e desde o momento en que as súas vidas se cruzaron xa non volveron separarse. Ao pouco de comezaren a saír decidiron casar e formar unha bonita familia. A parella permaneceu sempre unida, mesmo nos momentos máis difíciles, cando lle detectaron unha enfermidade a José Luis.

Teresa e José Luis van facer 40 anos xuntos e están decididos a renovar o seu matrimonio coincidindo co sacramento da súa parroquia de Santa Cruz de Castrelo, en Cambados. Con eles, outras parellas tamén están decididas a renovar seus compromisos. A imparable Teresa apura estes días os preparativos dunha voda que parecía sinxela pero na que non falta detalle: alfombra floral, baile, e ata banda de música! Unha voda por todo o alto á que non poden faltar os seus seres máis queridos, que festexarán con eles a súa inesquecible historia de amor.

'Que Casas!'

Por outra banda, o tradicional percorrido de Que Casas! polas vivendas do país comeza hoxe no monte de Santa Cristina, en Sarria, onde vive Belén nunha moderna edificación en perfecta simbiose co bosque que a rodea. En Outes, o programa volverá saudar unha parella formada pola compostelá María e o londiniense Rupert, que guiarán por terceira vez o equipo de Que Casas!, desta volta presentando unha casa de pedra de estilo tradicional.