'Pescadores de historias' viaxa hoxe ata as antigas fábricas de Bueu e Cangas

As reporteiras do espazo da TVG 'Vaia Troula' gozarán das mellores festas en Porto do Son, Catoira, Baiona, Cabeiras e a Carballeira de Zas

06.08.2017 | 01:57
X. H. Rivadulla con Carmiña de Saa, traballadora da Massó en Cangas.

O programa da TVG Pescadores de Historias viaxa hoxe ata Bueu e Cangas para narrar a historia destes portos. Todo comezou en 1816 cando o catalán Salvador Massó instalou unha fábrica de salgadura en Bueu. As fábricas das que falará hoxe o espazo da TVG iniciaron a súa actividade nesta vila en 1926 e en Cangas en 1941, chegando a ter, no momento de maior emprego, máis de 2.000 traballadores entre as dúas factorías, o que dá idea da súa importancia social para o Morrazo.

Na década dos anos 90 foi cando pecharon definitivamente. Hoxe a memoria de Massó gárdase no museo que dirixe en Bueu Covadonga López. É un dos museos máis importantes da cultura mariñeira de Galicia e a directora explicará o que supuxo para o Morrazo desde o punto de vista social. X.H. Rivadulla Corcón tamén conversará cunha empregada dunha destas fábricas, Fita Malvido, que entrou a traballar sendo unha nena, con só 14 anos.

O equipo do programa acompañará a Manuel Aldao, que chegou a ser xefe de persoal das dúas fábricas, co que conversará de todos os avances sociais que había nas fábricas de Massó, como o servizo de gardería ou servizo médico, sendo, polo tanto, pioneira en conceder moitos dereitos social aos seus empregados. Manolo Romero exerceu na fábrica de Cangas de xefe de mantemento, e falará da repercusión que tiñan as fábricas en todo o Morrazo, tanto no aspecto económico, sendo sen dúbida o motor económico da comarca, como no aspecto social, pois supuxo un impulso considerable ao nivel de vida.

'Vaia Troula'

A presentadora do espazo da TVG Vaia Troula, Nieves Rodríguez, estará no concello de Porto do Son, onde celebran a popular Festa Hortera. Nesta xolda, que este ano alcanza a maioría de idade, centos de persoas saen ás rúas da vila para gozar da música e das vestimentas máis estrafalarias. A reporteira Ariadna Leis irá ata o concello de Catoira para vivir a romaría Vikinga, na que o desembarco é o momento máis emocionante.

Ademais, Belén Vara achegarase ata a localidade de Baiona, onde celebran un ano máis as festas da Anunciada, e Antía Muíños viaxará á parroquia de Cabeiras. As cámaras de Vaia Troula tamén estarán na festa da Carballeira de Zas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine