A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), mobilizará preto de 25 millóns ata 2020, a maior contía da súa historia, para construir un sistema de I+D+i galego forte no eido internacional. A convocatoria de axudas deste ano pódese consultar na páxina http://www.edu.xunta.gal/portal/node/22351 e está destinada a grupos de referencia competitiva, grupos con potencial de crecemento, redes de investigación e proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente.

O programa deste ano supón un salto cualitativo e cuantitativo con respecto a 2016. Por un lado, porque abre a porta á introdución de novos grupos de investigación a maiores dos que rematan coa axuda este ano e, por outra banda, porque o orzamento sube en 10 millóns de euros. En concreto, trátase dunha das convocatorias máis competitivas e da que maior contía destina ao ámbito da consolidación científica desde 2009.

A convocatoria vai dirixida ás tres universidades, aos organismos públicos de investigación, ás fundacións de investigación sanitaria e aos centros do CSIC e do IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia. O obxectivo é asegurar que os grupos conten cun financiamento continuado vinculado a criterios de calidade das propostas. De xeito paralelo, o sistema debe atender as realidades de investigadores individuais cunha traxectoria excelente e que teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto.