A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofertará o vindeiro ano académico 12.481 prazas en primeiro curso en centros públicos da provincia da Coruña, en 498 ciclos e programas formativos autorizados. A principal novidade na provincia é un ciclo de nova creación, o de FP Dual de Redes e estacións de tratamento de augas no CIFP Politécnico de Santiago. Ademais, implantaranse como novidade nos respectivos centros os ciclos de FP Básica de Servizos comerciais (IES A Pontepedriña, Santiago de Compostela), de Agroxardinaría e composicións florais (IES de Mugardos), de Cociña e restauración (IES de Sabón) e de Electricidade e electrónica (IES de Sabón).

Nos ciclos de grao superior en réxime ordinario será novo no seu centro o Deseño e amoblamento (CIFP Politécnico de Santiago). Asemade, o CEE Nosa señora do Rosario (A Coruña) incorporará á oferta o programa formativo básico de Limpeza de edificios. A oferta incorpora as súas principais novidades na FP Dual. O vindeiro curso arrincará no CIFP Paseo das Pontes (A Coruña) unha das tres dobres titulacións -que se implantan por primeira vez en Galicia- en Dirección de cociña e en Dirección de servizos de restauración, en colaboración con Arlea Hotels. Tamén se oferta por primeira vez en Galicia -e case de oferta única en España, xa que só se imparte en Cataluña-o ciclo de grao superior de Redes e estacións de tratamento de augas no CIFP Politécnico de Santiago, con Viaqua.