'Pescadores de historias' visitará hoxe a localidade coruñesa de Camelle

O programa da TVG amosará o día a día dos mariñeiros e mergulladores da vila, que teñen nas rochas percebeiras a súa segunda casa

17.09.2017 | 02:26
X. H. Rivadulla Corcón, cun grupo de percebeiros de Camelle.

Pódese dicir que practicamente toda a costa galega é percebeira, pero hai zonas que destacan no mapa percebeiro de Galicia. Un destes lugares é o litoral que abarca a confraría de pescadores de Camelle. Aquí, como verán hoxe os espectadores do programa Pescadores de Historias, homes e mulleres extraen un percebe de primeira calidade e fano tendo como únicas armas de traballo e defensa contra o mar unha rasqueta e o seu propio corpo.

Figura singular en Camelle é Manuel Tajes O Rubio, co que o programa comezará a visita. Mariñeiro e mergullador de toda a vida, agora xa retirado, tamén foi percebeiro e explicará como se collía coa técnica do espello e a gadaña. O que significa o percebe para esta confraría contarao a vicepatroa Digna Romar, a primeira muller que se dedicou a este crustáceo no porto de Camelle.

Percebeiros intrépidos e sabios a pesar da súa xuventude son Cristian Martínez e Daniel Tedín, rapaces novos que se atreven máis ca ninguén nesta costa e que van ás pedras máis arriscadas.

A raíña das rochas percebeiras é Marisol Bouzas, coa que tamén falará o presentador do programa, Xosé H. Rivadulla Corcón. Muller singular, pasa da bravura necesaria para estar nas pedras do percebe á tenrura dunha persoa aberta á vida, sinxela e espontánea. A memoria histórica do percebe desta costa gárdaa Luz Divina, que, con máis de 80 anos, seguiría apañando se o corpo llo permitise.

'No bico un cantar'

Por outra banda, o programa musical No bico un cantar, que en cada entrega se centra nunha canción moi coñecida da música galega e realiza unha viaxe á nosa historia a través da música, con opinións de expertos, entrevistas a pé de rúa, documentación audiovisual de arquivo e todos os elementos necesarios para contar a lenda de cada tema, achegarase esta noite á Rianxeira.

Esta peza considerada por moitos o himno non oficial de Galicia é unha canción da que se gravaron máis dun cento de versións distintas, que soa en todas as celebracións e da que semella que non hai nada novo por descubrir. Pero No bico un cantar desvelará a transcendencia da súa historia, ligada á emigración galega e á figura de Castelao; saberá quen é a rianxeira a quen está dedicada, e explicará por que unha melodía tan sinxela se converteu nun dos maiores éxitos da música galega.

No bico un cantar está dirixido por Senén Bernárdez, presentado por Arturo Fernández, e o seu equipo está composto por gran parte do equipo de profesionais que fixeron posible o premiado programa Alalá da TVG.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine