"Nas aforas dunha vila pequeniña había un eido abandonado. No eido había unha casa vella e na casa vivía Pippi Mediaslongas. Tiña nove anos e vivía completamente soa, sen pai nin nai. Iso era unha vantaxe, pois non había ninguén que a mandase para a cama xusto cando máis estaba a divertirse, e ninguén que a obrigase a tomar aceite de fígado de bacallau cando prefería comer lambetadas?". Así comeza a versión en galego da obra máis emblemática de Astrid Lindgren, a transgesora, rebelde e única Pippi Mediasglongas. A editorial galega Kalandraka publica este mes a novela, traducida por David Álvarez e coas ilustracións orixinais e restauradas de Ingrid Vang Nyman. De feito, a súa portada xa está a imprimirse nunha empresa gráfica de Poio, segundo confirman fontes da editora.

Nenas e nenos de todo o mundo teñen pasado horas inesquecibles de lectura na compaña das aventuras e das extravagancias desta nena, do seu mono señor Nilsson e do seu cabalo. Pero a obra non gozou desde o principio dun éxito tan rotundo. Escandalizados polos seus xestos e comentarios, moitos adultos -tanto no eido da literatura, coma da educación- tildárona de mal exemplo para a infancia, pero o éxito desta nena foi imparable: desclasada, independente, simpática e extrovertida, Pippi, rompía cos estereotipos e actuaba de forma contestataria fronte aos maiores.

As súas accións motivadas polo absurdo, a espontaneidade ou a provocación, evidencian as convencións da escola, da familia e da sociedade nórdica da época. É que Pippi xa naceu hai 76 anos.

A súa autora, Astrid Lindgren (Suecia, 1907-2002) creou a historia de Pippi Mediaslongas en 1941 para entreter a súa filla enferma. Dous anos despois, a autora regaloulle o manuscrito á nena polo seu aniversario. En 1945 gañou un concurso literario e foi publicado, cunha enorme repercusión en todo o mundo, sendo traducido a numerosas linguas.