A poetisa Chus Pato ingresará como membro de número na Real Academia Galega (RAG) o próximo sábado nunha sesión extraordinaria e pública que terá lugar no IES Otero Pedrayo de Ourense, centro educativo do que foi alumna. A escritora, que ocupará a cadeira que quedou vacante tras o pasamento do tamén escritor ourensán Xosé Fernández Ferreiro, lerá na sesión de recepción o discurso titulado Baixo o límite. O académico de número Francisco Fernández Rei será o encargado da resposta en nome da institución.

Coa entrada de Chus Pato na RAG (Ourense, 1955) incorpórase á institución unha das poéticas máis persoais e vangardistas da literatura actual. A súa é unha voz renovadora e rupturista que se caracteriza tamén por un fondo compromiso ético.

Recoñecida internacionalmente, Pato foi traducida ao español, inglés, portugués, serbio, polaco, alemán, italiano ou árabe clásico, entre outros idiomas, e está presente en antoloxías internacionais.