A edición de libros en lingua galega tanto en papel como noutros soportes está a perder presenza fronte a outras linguas cooficiais do Estado. Os datos foron revelados onte na Panorámica de la Edición Española de Libros, un estudo do Ministerio de Educación e Cultura. Este recolle que a publicación de libros en galego en primeira edición -número de ISBN solicitados, (número internacional para a catalogación de libros)- entre os anos 2015 e 2016 diminuiu un 13,1%. Fronte a esta caída tan importante en só un ano, otros idiomas como o euskera rexistraron un incremento do 34,5%. Tamén se incrementou a edición de libros en lingua catalana, ainda que nunha porcentaxe menor. Exactamente, subiu un 7,2%.

Noutras coordenadas lingüísticas, por exemplo, tampouco os resultados son para botar foguetes. No que respecta ó valenciano, a baixada (-48,9%, ó contabilizarse case 630 títulos) foi aínda maior ca no galego. Sen embargo, a cifra de obras publicadas en linguas estranxeiras aumentou un 42%.

Tras detallar as porcentaxes, é mester ofrecer unha ollada máis detallada da situación cos números absolutos. En toda España, a edición nas linguas españolas ascendeu no ano 2016 a un total de 78.635 libros (ISBN), o que supón un incremento do 6,6%. Este dato significa que a edición no Estado está a remontar -aínda que con timidez; o mesmo pasa en Galicia se se ten en conta a edición en castelán e outras linguas- tras anos de caída por mor da crise.

No caso do castelán, a subida foi do 7,55% ó rexistrar os 67.212 títulos. Este idioma acapara a edición do 85% dos libros que se editaron o ano pasado en España. Segue a se-la lingua que manda neste eido. A segunda lingua con maior porcentaxe (10% do total español), aínda que moi lonxe, é o catalán. Nesta lingua, o ano pasado, os libros editados ascenderon a 7.873, aumentando en máis de 500.

No caso do euskera, pasouse dos 1.222 títulos do ano 2015 ós 1.644 do exercicio pasado, uns 400 máis. No caso do galego, pechouse o ano con 1.211 libros na lingua de Rosalía, cun descenso duns 200 títulos nun ano. A edición en galego representa o 1,5% do global español.

Chegados a este punto, xorde unha pregunta: por que non coinciden os datos do Ministerio cos do estudio Comercio Interior del Libro en España 2016 do gremio de editores? En primeiro lugar, os datos destes últimos son unha enquisa. No caso do informe do Ministerio, trátase de solicitudes de ISBN que poden computar nun exercicio inda que o libro se edite noutro diferente. Ademais, os editores limítanse no seu estudo á edición privada; mentres que Cultura suma esta e a pública; e tampouco contabiliza tódolos folletos.

Por outra parte, o Ministerio de Cultura sinala que, no ano 2016, a edición electrónica aumentou un 13,3 % respecto ó exercicio anterior. O número de ISBN nesta rama ascendeu a 25.237 euros, case tres mil máis ca no 2015.