Non aparecen nos dicionarios pero son ou foron de uso común en moitas localidades galegas. Palabras que utilizaban os avós, pero que agora corren o risco de quedar no olvido ou expresións típicas dunha zona aínda utilizadas, pero que non son moi coñecidas máis aló de esas terras. Elas son as protagonistas da iniciativa Palabras con Memoria que a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), en colaboración coa Deputación de Lugo, botou a andar no 2008 co obxetivo de "recuperar palabras en deuso ou perigo de extinción" e deixar constancia doutras verbas usadas polos falantes do galego que non recollen os diccionarios ou que ben teñen un significado totalmente alleo o que se lle da normalmente.

Trátase dunha iniciativa aberta a toda a poboación. Calquer persoa pode enviar as palabras que recolleu á páxina web e os coordinadores, unha vez comprobado que non existe nos dicionarios, a colgarán no portal para englosar o vocabulario que xa conta con centos de termos. Pero como non se trata so de coñecer unha palabra senón de saber o seu significado e algo máis da historia que leva detrás, cada termo conta cunha pequena ficha na web. "Recóllese a palabra, o seu significado e un exemplo para entender ben cómo utilizala, o lugar onde se escoitou e a persoa que fixo a recollida. No caso de ser necesario aportar máis información para comprender a historia da palabra tamén se pode facer", sinala o coordinador de Palabras con Memoria, o escritor lucense Isidro Novo, quen lembra que aínda que se poden engadir todo tipo de vocablos, fíxose especial fincapé en recuperar palabras que teñen que ver co agro galego, especialmente coa maneira de chamar ós froitos, moitas veces olvidada pola chegada de especies foráneas que enchen as estanterías dos supermercados.

Para coñecer estas palabras que buscan non desaparecer basta con entrar en www.aelg.org e comezar a navegar polo léxico galego para ampliar o coñecemento sobre o idioma da terra.

A ndrés. Ademais dun nome propio, é a forma na que na localidade coruñesa de Cerceda se refiren a "unha persona desaliñada" e tamén nunha parroquia de este concello usan axe como sinómino de "vergoña ou deshonra". Os de Muxía usan o termo almanaque para falar dalguén que é "parvo ou idiota"; na Pobra do Caramiñal os ecucaliptais son alcolitreiras e no Courel é típica a expresión ai, galán para referirse a "ai, meu neno".

B ai. Nalgunhas zonas de Bergantiños esta expresión equivale a "sí, vale ou dacordo". Na web recalcan a coincidencia de este uso co significado que ten bai en euskera. Palabras con Memoria inclúe bampoia, recollida en Arteixo, como sinónimo de "bolboreta"; banzoeira como " espiga de millo que ten o gran miúdo e o carozo gordo" (usada en Cerceda), babuxo, escoitada nas Mariñas, para referirse o "mollo espeso que se xunta coa pataca desfeita nun guiso" ou birlar coma "agromar", recollida en Cambre.

C aghastallo. En Muxía recolleuse este termo que úsase para falar dunha "desfeita" mentres que en San Adrián de Veiga en Ortigueira un tipo de mazá do país leva o nome de caladiña. Chaola é un doce típido do entroido en Cariño; chiolo é como lle chaman o carro das vacas nalgunhas parroquias de Bergantiños e carrapito úsase na comarca do Barbanza tanto para falar dunha trenza do pelo como de un doce típico do Día de Reis.

D onato. O nome do popular exxogador do Deportivo é tamén "un termo cariñoso" que se usa entre amigos na zona de Muxía mentres que, nesta misma localidad, dar punto supón que os rapaces collen as vacacións na escola. Ademáis, no portal explícase como delfina é un tipo de mazá da zona de Ortigueira e desapregar equivale a engordar para os residentes en Vilalba (Lugo).

E ncarniñada é o termo que designa a unha mazá do país na zona de Ortigueira mentres que esgarolado é a maneira que no Courel indican que algo está "oco, vacío por dentro"; estepeiro é unha pranta salvaxe que xurde nos montes do sur de Pontevedra e esponlingarse é subirse nas polas máis delgadas nun árbol, segundo o significado que lle dan na localidade lucense de Sarriá.

F ilispín (ir a todo). Úsase para indicar que alguén ía moi rápido, segundo se recolleu na zona de Burela. Fris é o termo co que nas parroquias de Lalín desígnase o "cu ou traseiro"; fiebre é como lle chaman en Muxía os escarapotes e folgazán é como lle dicen a fregona na zona de Burela.

G allear. Esta palabra, pronunciada con gheada, é a forma que adoptan moitos vecinos da zona de Bergantiños para dicir que alguén anda a "remexer" algo e tamén nesta zona había quen o pan lle chamaba gandelo e o panadeiro gandeleiro. Ghaso é a folla seca do piñeiro en Catoira, garcía é a maneira de falar do raposo en Burela e ghicha é unha leira pequena na localidade coruñesa de A Baña.

H abilincho. Na parroquia de Beba en Mazaricos úsase para designar un trebello motorizado pero de pequeño tamaño. Hortexo é como lle din as hortas de pequeno tamaño en Carballo.

I r de boria é ir de festa en A Baña; ite equivale a "idéntico" na localidade coruñesa de Aguiño e intreitizo é como lle din en Vilalba a xente que é moi suspicaz que "se altera por calquera cousa".

L ulú. Trátase dun xentilicio humorístico cos que os vecinos de Miño designan os veraneantes. Na web explícase que esta designación provén de cando as matrículas dos coches tiñan a LU e eran moi frecuentes nos meses de verán. Na localidad de Monfero os larpeiros e golosos chamábanlles lorfas.

M orriñento. Ademáis dos significados habituais, en Muxía úsase esta palabra para falar de alguén "porco". En zonas de Bergantiños díceselle mouga á broa e a organización explica que "pode ter que ver coa xiria dos canteiros". Miriañada é unha "cousa de pouco valor" en Silleda e matulo un envoltorio grande que agocha algo na Terra Cha.

N ácoras.Úsase para falar das patacas nalguhas parroquias de Bergantiños e crese que pode vir da xiria dos canteiros. Necha é a forma na que chaman as feridas en Noia e nixo é unha froita en Ortigueira.

O u ou é unha expresión escoitada en Pazos de Borbén, Castro Caldelas ou Vilaboa do Morrazo que significa "ou mais/ ou mellor". Por exemplo: "Debe ter 70 anos ou ou". Outra expresión, esta vez da zona do Morrazo, é onde e onde que significa "aquí e alá". Ex: "Botei unhas leitugas onde e onde".

P ampoia é unha bolboreta que pica o millo en Cee mentres que palanquín é unha persoa folgazana en Lalín, parulo é un rapaz en Cerceda e pitela é como lle chamaban os mocos algúnhas persoas de Negreira.

Q uenquén é o termo que en Vimianzo usan para falar dunha mentira. A fonte que engadiu a palabra indica que é un termo que usábase na linguaxe infantil e que mesmo un grupo de teatro levou este nome. Na parroquia de Lira en Carnota quesido equivale a "agre" e na Pobra do Caramiñal para falar de que alguén quedou abraiado por algo que pasou usábase quedar como un varela.

R abuda é como se lle designa a un tipo de pera con rabo longo na zona do Couzadoiro en Ortigueira; repete era como se lle chamaba a un pequeño trozo de terra na comarca de Santiago, rancaña é un instrumento agrícola similar a forquita pero sos dentes dobrados en Malpica e raeiro é un rapaz desobediente en Moraña e comarca

S antiaguesas son un tipo de peras redondas e pequenas, típicas da zona de Miño. En Carnota chámanlle socotroco os feos e sampedra é como lle chaman as ortigas na localidade coruñesa deAranga.

T apiñar é unha palabra recollida en Cambre que equivale a "comer". En Miño desígnase como tenreira a un tipo de pera do país e en Lira o testón é unha comida a base de fariña, ovos, leite e sal que se fai na tixola e a que se lle bota azucre por riba. A web especifica que teñen un aspecto similar as filloas.

U meso. En Cerceda usábase para designar o arado mentres que en Valdeorras chámase urcado a unha persona "perigosa, capaz de facer mal e da que convén afastarse".

V ago. Mais aló de ser alguén que non traballa, na zona de Aranga usan o termo para falar de alguén "pillo, pillabán"; virandelo é a forma de chamar o muíños feitos de papel e tamén agora os muíños eólicos pola zona de Carnota e virinván é un balancín en Cerceda.

X au.Forma na que os cazadores de diferentes zonas de Galicia chaman o lobo. Xerghón é un mariñeiro cativo en Muxía, a cama pódeselle chamar xoula en Bergantiños e tamén nesta zona úsase o termo xamba para falar das pernas ou as patas dos animais, en concreto da zona que vai desde o xeonllo ata os pes.

Z oina /zoino é un termo para designar o crego ou cura en Bergantiños e noutras zonas do rural galego. Zarriñar usábase nas Pontes para facer mal uso do material de traballo dos carpinteiros e zocho é unha persona ignorante e desvergonzada na zona do Courel.