Na diversidade do mar está unha das grandes riquezas do país e nos últimos tempos estase comezando a explotar novas especies que levan nas nosas augas milleiros de anos sen que apenas se lles prestase atención, pero resultan ser un recurso mariño moi interesante e pode que un gran descubrimento para a gastronomía mariñeira. Como verán hoxe os espectadores de Pescadores de historias, unha desta novas especies é a anémona.

Os mergulladores de Baiona, a onde se desprazará o equipo do programa, están comezando a explotala, como é o caso de Sergio Fernández, que cre que será un importante complemento aos demais recursos en que traballa, como a navalla, o ourizo e o percebe.

Como a iniciativa partiu da Confraría, o espazo da Televisión de Galicia (TVG) visitará a patroa maior, Susana González, que explicará como consideran imprescindible ir abrindo novas vías de explotación do mar. Ademais, as cámaras de Pescadores de historias navegarán na embarcación da Confraría para chegar a onde traballa Ángel Faure e verán baixo as augas como se recolle a anémona.

O programa tamén falará con José Manuel Durán, que volve do mar coa esporta chea de anemones, e con Óscar Díaz, comprador desta especie, que ten unha empresa para comercializalas fóra de Galicia, fundamentalmente en Andalucía, Valencia e Cataluña, xa que aquí é moi escaso o seu consumo. Por iso está a facer un traballo de promoción da anémona para poder introducila en restaurantes de Galicia. Finalmente, Manuel Goce, do restaurante Naveira, animarase a cociñar unhas anemonas.

'Grandes lugares'

Por outra banda, nunha nova edición do programa Grandes lugares, a TVG visitará hoxe as aldeas de Partovia, no concello ourensán do Carballiño; Brocos, no concello pontevedrés de Agolada, e Oza, no coruñés de Teo.

Santa Eulalia de Oza é unha parroquia do concello coruñés de Teo, onde os veciños conviven co rural desde ben nenos. O equipo do programa da canle autonómica galega descubrirá como a escola Luscofusco recupera a esencia dos colexios rurais, un espazo onde só se escoitan música, risos e vida. Os rapaces que asisten a Luscofusco teñen visita obrigada unha vez á semana: a granxa de Juan.

Na entrega de hoxe, os espectadores de Grandes lugares coñecerán, tamén, a bodega de Fernando, en que é máis importante a calidade que a cantidade, e tamén descubrirán as xoias de José Manuel, bonsais que son tesouros. En Oza tamén hai fauna autóctona, xa que alí se cría a galiña galega por excelencia.