Os medios públicos galegos ofrecerán hoxe especiais informativos para dar conta da situación política de Cataluña. Tanto a Televisión de Galicia (TVG) como a Radio Galega realizarán un seguimento especial ao longo de toda a tarde para ofrecer ao momento cumprida información sobre o que estea a pasar en Barcelona.

A cobertura especial comezará ás 18.00 horas, coa emisión na TVG dun Adianto Informativo, presentado por Beatriz Moyano, con dous puntos de directo en Barcelona e Bruxelas, para dar conta da última hora.

A partir das 20.00 horas, Marta Darriba e Alfonso Hermida ofrecerán un Especial Informativo, cunha duración próxima ás dúas horas, con datos, análise e entrevistas a expertos sobre a actualidade informativa de Cataluña. Neste especial, haberá tres puntos de directo, en Barcelona, Madrid e Bruxelas, para seguir ao minuto todas as reaccións que se vaian producindo. No estudio de gravación, na mesa de análise contarase coa participación dos xornalistas José Luís Jiménez e José Luís Gómez, do catedrático Roberto Blanco Valdés e da politóloga e socióloga Ana Luísa Bouza. O profesor e politólogo Xosé L. Barreiro e a profesora de Economía María Cadaval achegarán a vertente política e económica arredor do procés.

Coa ollada posta en Cataluña, este informativo ofrecerá tamén un resumo con outros temas destacados da xornada, presentados por Beatriz Moyano. En caso de que a actualidade así o requira, os Servizos Informativos da TVG estenderán o tempo do especial e seguirán informando en directo.

A Radio Galega tamén estará moi pendente de Cataluña, desde as 18.00 horas, no tempo do magacín A Tarde, que presenta Cristina García. A partir das 20.00 horas, Luis Ojea e Silvia Pereira realizarán un programa especial para ofrecer polo miúdo o que acontece na comunidade catalá, así como unha análise informativa dos feitos coa intervención de variados expertos en política e economía.