A serie documental da TVG Pescadores de historias, que dirixe e presenta X. H. Rivadulla Corcón, visitará hoxe San Simón, na parroquia de Cesantes, centro monástico na Idade Medía e, na actualidade, Ben de Interese Cultural. É, sobre todo, lugar vizoso para pesca das xentes mariñas de Cesantes, que traballan nas súas augas as artes do xeito, as nasas do choco, ou o marisqueo a flote e a pé.

Traballando a arte do xeito, o espazo atopará a Miguel Ucha, que leva xa máis de 20 anos traballando nesta zona para coller exclusivamente sardiña e xouba segundo a época. O patrón maior Clemente Bastos conducirá os espectadores á reserva natural para a cría do choco. Alberto Pereira traballa nas augas da illa no marisqueo a flote. Fundamentalmente ameixa, pero tamén se colle berberecho que neste porto chaman croques. Alicia Álvarez e Merchi Iglesias traballan o marisqueo a pé, en poucas épocas do ano, para poder preservar a zona e acadar ameixa de máxima calidade. Traballan tamén no berberecho e no longueirón, que en Cesantes recibe o nome de carallote.

Manuel García e Jorge Urcera darán unha visión científica das augas de San Simón. Son dous biólogos mariños que estudaron as augas que rodean a illa, atopando que existe unha enorme biodiversidade. Ademais do choco, sardiña, ameixa e berberecho, tamén se poden atopar anguías, congro e salmón. E isto pola variedade de fondos mariños que rodean a illa.

Para comer os produtos das augas de San Simón, o espazo desplazarase ao Mesón de Chiño Rey, sitio moi habitual entre os mariñeiros deste porto pontevdrés. A cociñeira Lola Rodríguez preparará unha empanada de berberechos, coa peculiaridade de facelos coa propia cuncha.