A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar a convocatoria para a constitución de clubes de lectura en centros educativos que acollan alumnado de ESO, Bacharelato, FP ou ensinanzas de réxime especial ao longo do curso 2017/18. O departamento dirixido por Román Rodríguez destina unha partida de 215.000 euros a este fin, un orzamento dirixido á adquisición de libros para as actividades do club, que pasarán aos fondos da biblioteca escolar. Unha porcentaxe da asignación, non superior ao 25%, poderá destinarse a sufragar as actividades programadas para o funcionamento do club (encontros con autores e outras). Á hora de seleccionar os centros valoraranse as iniciativas destinadas a impulsar a lectura de textos en lingua galega e que busquen contribuír a un maior vínculo dos mozos coa lingua e a literatura galegas. Primaranse as que fomenten a participación nos grupos de lectura de varóns, co fin de contrarrestar os estereotipos de xénero. Tamén serán valoradas as propostas que impulsen a participación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Poderán presentar solicitude aqueles centros educativos que inclúan un club de lectura na programación de actividades da biblioteca e que o inclúan na Programación Xeral Anual do centro para este curso ou, no seu defecto, que o comuniquen ao claustro e ao consello escolar durante o presente exercicio. A convocatoria pode consultarse no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/23063 .