O destino desta semana de Pescadores de Historias é Pontevedra, unha das cidades con máis personalidade de Galicia. Aínda que non se pense moito na cidade do Lérez como enclave pesqueiro, os espectadores do programa comprobarán hoxe que o mundo do mar tamén dota de singularidade a Pontevedra.

O marisqueo é a actividade máis destacada desta ría e del falará o patrón maior, César Rodríguez, quen destacará que a especie que máis se colle, tanto a flote como a pé, é a ameixa babosa. Na ribeira traballa Peregrina Muñiz, que leva gastados moitos rastos e ganchas. Próxima á xubilación e a pesar das ganas de chegar ao tempo de descanso, sabe que vai botar de menos o traballo.

No posto de control tócalles hoxe traballar a Marina Buceta e Chus Lorenzo. As dúas forman parte da directiva da asociación de mariscadoras, que cada día se alternan para facer o traballo de control do peso e as tallas da ameixa e a súa clasificación por tamaños para ser vendida na lonxa.

Por outro lado, Pescadores de Historias embarcará para coñecer o marisqueo a flote con Daniel Balea, mariñeiro apaixonado polo seu oficio, con experiencia na pesca de altura, tanto en Terranova coma no Atlántico Sur.

Os espectadores tamén coñecerán esta tarde a José García, o vello lobo de mar que traballou todas as artes posibles nesta ría, e a Loli López, a cociñeira que preparará para o programa unhas ameixas á mariñeira. Co prato xa servido, Xosé H. Rivadulla Corcón xantará con Ángela García, para falar con ela dos sentimentos das xentes do mar pontevedrés e do futuro vizoso que ten esta ría.