O certame Vindevídeos actualizará e difundirá entre o estudantado a literatura trobadoresca galega, no marco da programación conmemorativa que a Consellería de Cultura pon en marcha co gallo da estadía en Galicia do Pergamiño Vindel. Así o deron a coñecer onte os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, na rolda de prensa na que presentaron o novo certame escolar, co que se quere acompañar a presenza en Galicia do Pergamiño Vindel e fomentar o coñecemento, tanto deste tesouro, como de toda a literatura medieval galega.

Anxo Lorenzo recalcou que con esta actividade búscase que os rapaces "sexan creativos" e recreen o que no seu día fixo Martín Códax con novos códigos, coas ferramentas audiovisuais coas que se manexan e cos seus propios recursos lingüísticos, en galego, xa que "as cantigas están consideradas o berce da lingua e da cultura galegas".

O responsable de Cultura avanzou que ata marzo a Xunta despregará en toda a comunidade actividades vencelladas á mostra Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, que desde a súa apertura recibiu xa máis de 7.600 visitantes, entre eles, uns 1.500 escolares. A Xunta traballará con novos formatos cos que pretende facer partícipe o conxunto da sociedade galega.

Pola súa banda, Valentín García incidiu na necesidade de estar "orgullosos" da literatura medieval galega, que califica como "un tesouro en lingua galega que poucos países europeos poden igualar". Ademais, o secretario xeral explicou que se convoca, da man dos equipos de dinamización da lingua galega, un certame de vídeos porque "a linguaxe audiovisual fai máis evidente a actualidade da cultura trobadoresca, así como as posibilidades de facela atractiva no presente e de convertela en semente de cultura en galego para o futuro".

O certame Vindevídeos está dirixido a alumnado e profesorado de centros docentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que impartan ensinanzas sostidas con fondos públicos. Cada centro poderá enviar ao concurso un máximo de tres vídeos en calquera técnica cuxa temática estará relacionada coa cultura trobadoresca na que se xeraron as cantigas medievais galego-portuguesas.

Establécense dúas categorías, unha para vídeos realizados con alumnado de Educación Infantil ou Primaria e outra para vídeos realizados con alumnado do resto dos centros, en cada unha das cales se outorgarán dous premios. O docente responsable de cada vídeo premiado recibirá unha certificación de innovación educativa cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado. O prazo para solicitar a participación e enviar os vídeos remata o 11 de decembro. As bases do certame poden descargarse en www.lingua.gal e en www.cultura.gal .

Vindevídeos é unha das iniciativas que a Consellería de Cultura, está desenvolvendo para acompañar e difundir a presenza en Galicia do Pergamiño Vindel, abriu as súas portas o pasado 10 de outubro no Museo do Mar de Vigo e se poderá visitar ata o mes de marzo.