A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Alcoa, coa colaboración de LA OPINIÓN, lanzarán este curso unha nova edición do programa A Coruña Emprende para promover o espírito emprendedor no alumnado e fomentar o desenvolvemento de características persoais como a creatividade, a iniciativa, a asunción de riscos, a responsabilidade e a innovación. Unha das partes deste proxecto é o programa Lanzadeiras Coruña enfocado á creación de proxectos de miniempresas en centros educativos públicos de ensino non universitario da comarca da Coruña. Na convocatoria do ano pasado esta iniciativa permitiu a creación dunha ducia de proxectos de emprendemento en dez centros educativos da provincia coruñesa.

A Xunta publicou o pasado 23 de outubro a resolución desta nova edición do programa no que poderán participar alumnos de 6º de Primaria, dos catro cursos de Educacion Secundaria Obrigatoria (ESO), de Bacharelato e de Formación Profesional. Un docente de cada centro solicitante deberá asumir as funcións de coordinador do proxecto e o profesorado que participe no programa Lanzadeiras Coruña contará co apoio e asesoramento de expertos para sacar adiante a miniempresa.

Os centros interesados teñen de prazo ata o 15 de novembro para enviar a súa solicitude e deberán presentar a solicitude segundo o modelo do Anexo I que aparece na resolución na páxina web da Consellería de Educación http://www.edu.xunta.es/fp xunto coa descrición do proxecto en galego e cunha extensión máxima de 20 páxinas que inclúa o nome da miempresa, a forma xurídica, a data de constitución, o sector de actividade e un breve resumo sobre os obxectivos, as fases de desenvolvemento, o proxecto de orzamento, o organigrama ou os medios para promocionala. Os centros participantes deberán enviar a solicitude ao enderezo eduemprende@edu.xunta.es.eduemprende@edu.xunta.es Unha vez rematado o prazo de solicitudes publicarase a listaxe de proxectos aprobados no enlace http://www.edu.xunta.es/fp/eduemprende-lanzadeiras. A selección farase tendo en conta criterios como o carácter innovador do proxecto, a implicación de diferentes áreas ou a viabilidade da miniempresa.

Esta acción enmárcase do proxecto Miniempresas Coruña e, á súa vez, dentro do plan Eduemprende da Xunta e a Fundación Alcoa. Ademais da creación de miniempresas levaranse a cabo actividades formativas para alumnos e profesores para preparalos nas competencias relacionadas co emprendemento xunto con visitas a empresas Na última edición máis de 800 estudantes e 60 docentes participaron nestas accións.