Un total de 300 alumnos de 15 centros públicos participarán por primeira vez na Semana STEM, un campamento de innovación educativa que se pon en marcha este curso 2017/18 co obxectivo de fomentar o espírito científico e tecnolóxico entre o estudantado galego. Esta acción -que conta cun investimento de 210.540 euros para sufragar os gastos das actividades- beneficiará a mozos e mozas de 5º e 6º curso de Educación Primaria, así como de 1º e 2º curso de ESO. Por provincias, sete centros pertencen á Coruña, tres a Lugo, un a Ourense e catrp a Pontevedra. As estadías serán dunha semana en réxime de internado e realizaranse en seis quendas. Xa comezaron a finais de outubro e seguirán este mes e en decembro.

A Semana STEM axudará a reforzar os coñecementos científico-tecnolóxicos no eido educativo, necesarios para dar resposta aos desafíos profesionais do futuro. Deste xeito, as estadías proporcionarán ao alumnado galego un escenario propicio para desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumenten o seu interese por saber, cada vez máis, sobre diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía. As actividades non só serán académicas, senón tamén de carácter lúdico-recreativo, que servirán de reforzo ao programa ordinario do currículo do alumnado nas aulas. Os contidos dos cursos inclúen un programa de actividades académicas, de obradoiros, de tempo libre e deportivas.