O programa Pescadores de historias da Televisión de Galicia (TVG) visita hoxe o porto de Corme, que é mar de percebeiros que souberon universalizar a Pedra do Roncudo e o seu percebe, pero é tamén mar de pescadores e de navegantes.

Para coñecer máis deste lugar, o programa estará cos percebeiros Manolo Suárez e Mari Carmen Suárez, que contarán os tipos de percebeiros que se poden encontrar en Corme: os que van sempre por terra e os que van en embarcacións, que son os que extraen o percebe que se atopa na Pedra do Roncudo.

X. H. Rivadulla Corcón tamén conversará con Roberto Vidal, que é mariscador pero tamén vai ao percebe, e as redeiras Rosa Rodríguez e María Jesús Veiga, que complementan o seu oficio coa confección de pezas de artesanía: bolsos, colares, pulseiras, broches e adornos para o fogar.

Homenaxe

Os espectadores tamén coñecerán a Antón Vidal, que deseñou o monumento dedicado aos percebeiros. Encóntrase no paseo do porto da vila e homenaxea os homes e mulleres que practican este oficio, pero tamén o propio percebe.

Por último, e xa para xantar, o equipo do programa estará na taberna mariñeira A Brincadeira, onde Vanessa Canto cociñará o que chama "todo xunto de xarda", unha receita que lle ensinou un mariñeiro, xa xubilado, que estivo de cociñeiro nos barcos mercantes.