O 20 de decembro de 1907 estreábase na Habana o Himno galego, composto por Eduardo Pondal e Pascual Veiga, nunha celebración solemne no Gran Teatro do Centro Galego que pasou a historia como un dos xestos que desde a emigración cubana lle deron o pulo definitivo a esta composición para a súa aceptación como símbolo de Galicia. Por iso, pola importancia deste feito, a Real Academia Galega (RAG)e o Instituto José Cornide conmemoraron onte o 110 aniversario desa estrea cun acto na sede da entidade na Coruña.

"A importancia da colectividade emigrante neste proceso é un feito extraordinario que nos diferencia notablemente de calquera caso parecido", salientou onte no acto o académico Ramón Villares, quen resaltou: "O Himno galego nace no tempo apropiado, cando a maior parte das nacións culturais e estados nacionais europeos abordaron o reto de ter símbolos que identificasen emocionalmente á comunidade política a que se dirixía".

Pola súa banda, o tamén académico Fernando López-Acuña afondou no proceso da creación artística do Himno e pescudou outras posibles representacións anteriores nun serán na que a parte musical correu a cargo de Queiman e Pousa antes de rematar coa interpretación colectiva de Os Pinos.

A música e o texto do Himno foron compostos en 1890. O propio Pascual Veiga pediulle a Eduardo Pondal que escribise un poema para un certame musical do Orfeón coruñés nº4. A partitura gañadora para acompañar os versos de Os pinos foi a de Ivo Gotós, pero non chegou a estrearse nese certamen "posiblemente por falta de tempo para ensaiala", lembra López-Acuña, quen explica que "sexa como for" a música que finalmente acompañaría o texto de Pondal foi a de Veiga e lembra que, segundo as indicacións do compositor, debería tocarse "moito máis rápido do que normalmente hoxe se toca porque o Himno é unha marcha".

López-Acuña resalta que pese a que cando o Himno se estreou na Habana foi considerado unha obra inédita, é bastante probable que xa fora interpretado con anterioridade. O investigador suxire que Pacual Veiga puido incorporar á composición o repertorio dalgún dos orfeóns que dirixía. Unha teoría que refórzase coas declaracións que recolle un diario lugués, no ano 1896, do secretario dun orfeón do Centro Galego de Madrid que, nunha viaxe da agrupación a Lugo recoñecía que os seus membros interpretaban o tema Os Pinos.

No acto de onte na RAG resaltouse que aínda que o tema fose interpretado noutras ocasións, foi a súa estrea en Cuba o que marcou "o inicio da súa consolidación do Himno como símbolo de Galicia". Outro fito neste senso foi a interpretación de este tema en Mondoñedo, en 1912, para recibir os restos de Pascual Veiga tras seren exhumandos en Madrid. Cinco anos despois, o Himno sonou tamén no cemiterio de San Amaro na Coruña, na despedida de Eduardo Pondal nas voces dos membros das Irmandades da Fala.