'Afouteza', escollida Palabra do Ano nunha iniciativa da RAG e a Fundación Barrié

'Indepedencia' e 'sapoconcho', os seguintes termos máis votados no 'Portal das Palabras'

28.12.2017 | 00:51

O termo "afouteza" foi escollido como Palabra do Ano 2017, nunha iniciativa promovida pola Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié dentro do seu proxecto Portal das Palabras, segundo informou a institución académica. Esta palabra obtivo o 48% dos votos nun proceso promovido dentro do proxecto web impulsado por estas institucións para a modernización e a divulgación do léxico galego. O termo gañador, ao que votaron 3.004 persoas das 6.228 participantes, impúxose a outro sete finalistas.

Todas elas "palabras con forza informativa, que centraron por diversos motivos os temas de maior presencia nos medios", explicou a RAG. Ademais, trátase de termos que tiveron máis impacto social "e a maioría cun valor engadido desde o punto de vista estritamente lingüístico", engadiu a institución académica.

Após a palabra seleccionada, a RAG informou de que "independencia" foi a seguinte en número de votos, cun total de 939, e "sapoconcho", a terceira, con 830 votos. "Eucaliptización", "teimudo", "vaga de lumes", "violencia de xénero" e "velutina" completan, por esta orde, a táboa de posicións finais.

No tres edicións anteriores, as gañadoras foron "irmandade" (2016); "refuxiados" (2015) e "corrupción" (2014).

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine