O programa da TVG 'Pescadores de historias' visita hoxe o Museo do Mar de Noia

O espazo que dirixe X. H. Rivadulla amosará aos espectadores o recinto, que transmite con paixón a sensación da alma mariñeira

31.12.2017 | 01:12
X. H. Rivadulla Corcón, co director do museo, Félix González.

O programa Pescadores de Historias da Televisión de Galicia (TVG) visita esta semana o Museo do Mar de Noia, aberto no ao 2011 e emprazado no edificio da antiga praza de abastos. Todas as pezas que amosa estiveron no seu día cumprindo a súa función no mar. Pero o máis importante é que transmite con paixón unha moi entrañable sensación de alma mariñeira.

A persoa que dirixe o museo é Félix González, que desde moi novo andou no mar, sempre traballando en altura, e chegou a ser capitán de pesca en buques de gran tonelaxe. Sempre tivo a idea de facer algo en Noia que servise para poñer en valor a súa historia mariñeira e cando se retirou do mar puido materializar a súa idea poñendo en marcha o Museo do Mar.

O centro conta con máis de 200 colaboradores, entre os que destacan José Ramón Carreño, que andou ao mar e hoxe traballa na Escola Náutica de Ribeira, e Ángeles Rial, que traballa na rama sanitaria, pero que ten paixón polo mar por motivos familiares.

O lobo de mar José Ons tamén é un activo colaborador do museo, que traballou no mar de Noia e logo en plataformas petrolíferas. Unha das pezas máis significativas do museo, un dos primeiros motores de gasoil que se fabricaron en Galicia, na fábrica Ayón de Noia, foi doado por el. Outro importante colaborador é José Ramón García, que foi capitán de pesca e xefe de máquinas, hoxe xubilado, e coincidiu con Félix González navegando xuntos.

O equipo de Pescadores de Historias aproveitará a súa visita a Noia para degustar o produto máis típico do seu mar, o berberecho, cunha parada no restaurante Ti Manolo, de Antonio Mirón, outro activo colaborador do Museo do Mar de Noia.

Por outra banda, a canle autonómica ten preparada esta noite unha gran festa para darlle a benvida a 2018. Acompañado nesta ocasión de Eva Iglesias, Xosé Ramón Gayoso será, como é habitual, o mestre de cerimonias do Especial Fin de Ano da TVG, que contará coas actuacións de grupos e artistas para todos os gustos.

Partindo do tema Despacito, de Luís Fonsi, que foi, sen dúbida, a canción de 2017, o programa da TVG estará dedicado a este ano a esas cancións pegadizas que no seu momento marcaron época, como foron, por exemplo, Mayonesa, Aquí no hay playa, Aserejé e Bailando, entre outras moitas.

Ademais de bailar ao son destes hits, os espectadores da TVG poderán gozar da música de Marta Sánchez; dos dúos Ázucar Moreno e Los Chunguitos; do excompoñente de Tequila Alejo Stivel; de King África; de María Jesús y su Acordeón; ou de Lérica, o grupo revelación do momento.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine