A ximnasta Almudena Cid e a actriz Patricia Vázquez, invitadas no 'Land Rober'

O espazo 'Vivan as tardes!' achegará hoxe na TVG varias historias de solidariedade e de recuperación de tradicións

11.01.2018 | 01:05

Esta noite volven as noites do humor á Televisión de Galicia (TVG), xa que chega o primeiro Land Rober Tunai Show do novo ano. Para estrear este 2018, o programa presentado por Roberto Vilar contará coa visita dunha rapaza con moita elasticidade: a exximnasta Almudena Cid virá demostrar o seu gran sentido do humor. Por outro lado, Patricia Vázquez, unha das grandes actrices galegas, tamén participará no programa desta noite. Ademais, un dos momentazos da noite vivirase cando, da man de Eva Iglesias e Xosé A. Touriñán, os espectadores coñezan o gran segredo do pasado de Manolo, unha exclusiva que porá en perigo a súa relación con Concha. Sobrevivirán os Xubilados polo mundo a esta crise?

O plan perfecto para o xoves á noite completarase coa volta do Que me estás contando? e de moitos xogos que sacarán as mellores gargalladas do público no estudio e dos espectadores nas súas casas.

Por outra banda, o espazo Vivan as Tardes! falará hoxe cunha parella moi musical que vén desde Begonte. Brisamar e Martín son o Dúo Fusión Latina e van cantar ao final do programa. Pola súa parte, Sandra, que vén desde Santiago, ensinará os espectadores a recuperar unha das nosas tradicións: trenzando palla aprenderán a facer un sancosmeiro.

Desde Pontevedra, Fina, Catuxa e Fernando chegarán repartindo ilusións. Os domingos e os festivos dan almorzos solidarios á xente da rúa, un xesto que tamén os fai felices.

Simón, o último protagonista de hoxe, adora a súa avoa, que sementou nel a paixón pola música. Este cantante novo, que vén desde Lira, vai demostrar que ten por diante un bo futuro profesional.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine