O 25 de xullo de 1948, en Bos Aires, cidade na que acabaría finando, Castelao pronunciaba o seu célebre discurso político Alba de Groria no que evoca o seu desexo de sobrevoar Galicia no día da patria ó tempo que, para mitiga-la dor, evoca diferentes figuras de galegos egrexios ó longo da historia, unha "Santa Compaña de inmortales galegos". En total, 64 persoeiros cuxa vida e obra pretende recuperar para unha exposición o Consello da Cultura Galega ó longo deste ano.

Nese discurso, Castelao comezou por Prisciliano, Eteria, Idacio, San Pedro de Mezonzo, Xelmírez, Alfonso VII, Mateo, Airas Nunes, Meendiño, Martín Dodax, Inés e Xohana de Castro, entre outros moitos.

Outra das mostras para este ano do Consello da Cultura Galega recollerá o legado do fotoxornalista Cancelo coa súa ollada sobre Azaña, Casares Quiroga ou Franco. Ademais, a institución galega organizará a vixésima edición dos Encontros de Normalización Lingüística e o congreso Diáspora e nacionalismo galego.