"Cada vez que morre un avó, perdemos case 500 informacións de lugares. Iso hai que recuperalo", sinala Victor F. Freixanes quen ansía que, neste ano, a institución que preside, a Real Academia Galega (RAG), poña coto a esta desaparición de nomes de lugares. De aí, que estableza coma unha das metas da entidade para este ano a de impulsar un proxecto para recupera-la microtoponimia do país. "É -engadiu Freixanes a este periódico- un esforzo no que queremos implicar ás deputacións e á propia Xunta de Galicia". De feito, o presidente da RAG recoñece que xa tivo hai atrás unha reunión con Vicepresidencia.

"Galicia ten, segundo Filgueira Valverde, case tres millóns de microtopónimos. Segundo o Instituto Nacional de Estadística, Galicia posúe o 50% da toponimia española e 5.000 máis que todo Portugal en nomes de lugares habitados. Iso é unha riqueza", agregou o presidente da Academia Galega.

A recuperación dese legado cultural lingüístico e tradicional pasaría por "crear unha app que permitira nos móbiles un sistema de xeolocalización de tódolos termos posibles de toponimia, incluídos os microtopónimos". A poboación participaría a través da aplicación facilitando nomes mentres que a Real Academia Galega (RAG) realizaría o estudo e a inclusión como garantía. Freixanes recoñece que será un proxecto de longo percorrido, cun mínimo de dous ou tres anos de traballo.

O presidente da Real Academia Galega engadiu que para este 2018, "o desafío da RAG é a comunicación, chegar á sociedade". "Temos a especial vocación de conecta-la RAG, que é unha institución histórica con 150 anos de historia, coas novas xeracións", sinala o presidente da entidade ó analiza-los retos da Academia para este ano que comeza.

De aí, que busquen modifica-la web para introducir novos servizos e novas consultas. Ó respecto, Victor F. Freixanes subliña que "o dicionario da Academia recibe 63.000 consultas diarias das que moitas proceden de Arxentina ou de galegos de Bruxelas ou Londres". "Hai unha chea de xente que acode a el. Iso quere dicir que hai unha demanda social pola lingua. Ademais, hai 70.000 descargas da aplicación ó móbil. Estou dando datos de Google Analytics, non son inventados", resaltou o presidente da RAG. De feito o Diccionario online bateu en 2017 o seu propio récord de consultas.

Outra "gran preocupación é conectar coas novas xeracións. Ese vai se-lo obxectivo do ano 2018. A min, gustariame iniciar uns encontros da RAG coa xente nova, que anda ó redor dos 30 anos. Temos que reunir a xente por toda Galicia falando de que queremos facer coa lingua e a cultura deste país", detallou. Este proxecto consistiría nunhas sesións de debate para escoitalos ante a pregunta Que temos que facer? A nosa xeración debe poñer as nasas na ría para que as vindeiras vaian pola nécora", reflexionou.

Freixanes lembrou que tras ser elixido presidente da RAG, os deus alumnos da Facultade de Xornalismo en Santiago fixéronlle un 'paseíllo' para entrar na clase, "e unha rapaza da Coruña moi espilida díxome: "Presidente, que vas facer? Por que non deixades descansar a Rosalía e Castelao e nos escoitades a nós? Quedeime coa copla. É unha proba de que aquí hai partido por xogar", asegura.