A Televisión de Galicia ( TVG) sae hoxe pola noite na procura de A mellor empanada do mundo, un programa dedicado a unha das receitas máis emblemáticas. Este espazo fará un intenso percorrido por toda Galicia para coñecer as vivencias das persoas que, dunha forma ou outra, viven rodeadas de empanadas. De cantas formas poden prepararse? Gustan máis as de peixe ou as de carne? Son mellores as da casa ou as da panadería? Por que as de millo teñen tanta sona? Que sería dunha romaría galega sen empanada? Estas son algunhas das moitas preguntas que obterán resposta esta noite na TVG en A mellor empanada do mundo.

Para comezar, o programa viaxará á capital de Galicia, onde o xornalista Miguel Vila falará da milenaria historia da empanada galega. O percorrido continúa na cidade da Coruña para presentar a Tere, unha experta que prepara unhas deliciosas empanadas de xoubas e pementos. Con ela, e coa axuda da súa familia, A mellor empanada do mundo pasará unha xornada inesquecible. Tamén entrará nunha empresa familiar que elabora empanadas que parecen feitas na casa.

Galicia está chea de auténticos "santuarios" da empanada. En Santiago traballa Verónica, unha rapaza que fai as empanadas de congro seguindo unha receita con décadas de tradición. E no concello de Carral, Juan Carlos ten preparadas unhas espectaculares empanadas de bacallau e polbo.