O 1 de xaneiro de 1977 inicia a súa andaina Encrucillada, a primeira revista de teoloxía escrita enteiramente en galego. O proxecto, que esta tarde celebrará o seu corenta aniversario na sede da Real Academia Galega (RAG), nace do "entusiasmo e do espírito renovador" que caracterizou aos xóvenes segrares galegos da época da Transición. "Había unha grande inquietude por crear en Galicia unha teoloxía propia que estivera dacordo cos tempos e que nos permitise deixar de ir a cabalo do movemento mundial que se estaba a xerar por aqueles tempos", explica o teólogo e académico Andrés Torres Queiruga, presidente da Asociación Encrucillada e primeiro director da publicación, quen sostén que "os obxectivos primeiros de Encrucillada foron o de recoller as inquedanzas da xuventude cristiá e, por suposto, o de fomentar a publicación na lingua propia".

O estudiantado galego no exterior -os chamados "irmandiños"- e o emerxente movemento europeo de parroquias foron os grandes promotores da iniciativa, que, tras varios meses de deliberacións, botou a andar na diócese de Ferrol. "Naquel momento a diócese de Ferrol era, posiblemente, a máis viva de Galicia. Tanto os cregos coma os leigos tiñan unha mentalidade moi aberta, e o bispo, Monseñor Arouso, era sumamente receptivo con todo o referente ao mundo galego", recoñece Torres Queiruga, ao tempo que engade que "o feito de que a persoa que ía asumir a secretaría da revista, Engracia Vidal, traballase coma profesora na cidade departamental foi tamén determinante á hora de elixir o centro editorial de Encrucillada".

O que fora director da publicación lembra, con entusiasmo, coma os primeiros números de Encrucillada centrábanse en amosar "un cristianismo renovado, unha fe máis ilustrada e unha Igrexa encarnada na cultura galega". "Tíñamos que espertar a nosa conciencia de ser galegos e ser cristiáns facendo unha síntese das dúas cousas. E tamén abordabamos os problemas sociais da comunidade", subliña.

Malia que Encrucillada renovou xa o seu Consello de Dirección -o profesor Pedro Fernández Castelao é, dende hai unha década, o responsable da publicación-, Torres Queiruga sostén que o espírito galeguista dos comezos continúa "intacto". "Iso nunca vai mudar, é a esencia do proxecto", sinala.

A revista de pensamento cristián celebra catro décadas de vida en diálogo coa cultura e a realidade social galegas coa monografía As Letras Galegas na Encrucillada,As Letras Galegas na Encrucillada unha recompilación de artigos publicados nas súas páxinas sobre os autores máis destacados da nosa literatura. Os dous volumes que a compoñen serán presentados esta tarde na sede da RAG (rúa Tabernas, 11), a partir das 19.30 horas, no acto conmemorativo do 40 aniversario da publicación.