Encrucillada celebrou onte na Real Academia Galega (RAG) os seus 40 anos nun acto no que se presentou a monografía editada co gallo deste aniversario, As Letras Galegas na Encrucillada. A publicación, a primeira revista de pensamento cristián da Transición escrita en galego, compila os artigos publicados desde 1977 sobre os persoeiros aos que a RAG lles dedicou o Día das Letras Galegas (desde López Ferreiro a Carlos Casares) e, nun segundo tomo, outros traballos sobre autores da nosa literatura.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o presidente de honra da Asociación Encrucillada e primeiro director da publicación, o académico Andrés Torres Queiruga, estiveron acompañados na presentación do actual director e da secretaria da revista, Pedro F. Castelao e Marisa Vidal.