Bamboleo, o programa de entretemento da Televisión de Galicia (TVG) dos sábados á noite recibirá hoxe a visita do grupo valenciano Bombai, que aterra cun estilo bautizado como beach pop, xa que a súa proposta respira frescura e positividade e mestura rock, reggae, indie e pop. A banda deuse a coñecer con Solo si es contigo, unha canción que está a arrasar en toda España.

Tamén estarán esta noite no escenario Esteban & Manuel, dous cantantes galegos cun pasado común en varias bandas, que deciden poñer en marcha un dúo co que darlle renda solta á súa paixón polos ritmos latinos. Defínense como un conxunto de música tropical moderna, levan a verbena no sangue e beben de influencias como Los Hermanos Rosario, Juan Luis Guerra ou Chico Trujillo.

O espazo presentado por Xosé Manuel Piñeiro contará, ademais, coas actuacións da orquestra Funçao Pública e da cantante e compositora Yhadira, que comezou desde ben pequena a súa relación coa música. Tras pasar por diferentes programas de televisión, decide reunir as súas mellores cancións e gravar o seu primeiro disco en solitario, Estúpida sentimental. Letras emocionantes e melodías frescas e intensas conforman un traballo que define perfectamente a personalidade musical da súa autora.

No escenario tamén estarán Angie González, interpretando unha versión cumbia de El sol no regresa, de La Quinta Estación, e Toni Somoza, co tema Cómo han pasado los años, de Rocío Dúrcal.