A serie documental Pescadores de historias, que dirixe e presenta X. H. Rivadulla Corcón na Televisión de Galicia (TVG), dirixirase hoxe cara a localidade coruñesa de Pontedeume. En cada porto galego, a cultura mariñeira expresa a súa singularidade de xeitos moi distintos, e maniféstase en símbolos da súa identidade moi variados. Esta singularidade pode estar nas artes de pesca, nos peixes ou mariscos que se capturan, relacionadas cos traballos do mar en terra, ou en aspectos nos que a vida mariñeira orixina formas de ser dos veciños e veciñas distintas ás de outros portos.

O mar que baña o porto de Pontedeume está emprazado no golfo Ártabro, e máis en concreto na ría de Betanzos, e o seu propio mar leva o nome de mar do Parrulo, un nome singular que dá noticia dun mar alegre, de mariñeiros que queren con paixón o seu mar, como todos os veciños e veciñas de Pontedeume. Hoxe, o espazo transmitirá o seu universo vital a través das palabras dos seus mariñeiros, pero tamén do seu son. No mar agarda a música de Ana Leira e María López, de Faltriqueira. O espazo falará cun patrón moi novo, Diego Pérez, quen con só 23 anos xa leva un barco do cerco; co patrón maior Manuel Fuentes navegarase no mar do Parrulo; o mariñeiro Jesús Piñeiro, coñecido como Ñei, está xa retirado e traballou toda a súa vida no mar do Parrulo, chegando a traballar con todas as artes de pesca posibles nesta ría, e no restaurante de Carlos Regueiro e Emma Sánchez, que se chama A Pitanza, Pescadores de historias atopará na cocina, de novo, a María López e Ana Leira, dispostas a cociñar.