O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, definiu o modelo plurilingüe no ensino (combinar as dúas linguas cooficiais cunha estranxeira) como "moito máis que un proxecto educativo". A extensión do modelo plurilingüe a todas as etapas (ata agora só estaba presente en Educación Primaria e Secundaria) é unha das novidades que introduce a Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe 2020, presentada o pasado mes de xuño.

O número de auxiliares de conversa multiplicouse por 8: pasando de 67 aos 550 actuais. Tendo en conta esta evolución en positivo, así como as novas accións enmarcadas dentro de EDUlingüe, o conselleiro anima a todos os centros a seguir construíndo este "universo do plurilingüismo".

Galicia conta na actualidade cun total de 322 centros plurilingües, 40 máis con respecto ao curso 2016/17. Isto significa multiplicar por máis de 5,5 o número de centros plurilingües que había no curso 2010/11 (un total de 58). En canto ás seccións bilingües, aumentaron en 231 ata chegar ás 4145, un 6% máis con respecto ao curso pasado. En concreto, son 110 os centros educativos que incorporan seccións bilingües, dos que 34 o fan por primeira vez.

En canto ás linguas estranxeiras das novas seccións, 223 son de inglés, seis de francés e dous de portugués. Se se teñen en conta os datos do curso 2008/09, no que había 720 seccións, a actual cifra supón multiplicar por case seis este número.