Un total de 265 centros educativos públicos da provincia da Coruña terán este curso un Plan de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) con unha ou máis liñas formativas. Deles, 189 incorpóranse este curso á iniciativa, mentres que 76 xa participaron nela o curso pasado. A relación de centros implicados pode consultarse no enlace web http://www.edu.xunta.gal/portal/node/23825.

O obxectivo destes plans, que cada ano pon en marcha a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, é perfeccionar as competencias profesionais dos docentes co fin de mellorar a calidade da educación e os resultados escolares. Trátase de que cada centro desenvolva actividades centradas nas súas necesidades, ao tempo que se propicia unha organización escolar que favoreza a transformación dos centros en organizacións capaces de aprender e xerar coñecementos. A Consellería prestará o seu apoio a estes plans a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e dos centros de formación e recursos (CFR). En Galicia, este curso desenvolverán estes plans 688 centros de ensino públicos, o 70% do total e case o dobre ca o curso pasado. As liñas máis demandadas este curso foron a Integración didáctica das TIC, traballo colaborativo en rede a través de espazos virtuais e Educación Dixital (un total de 220 centros); convivencia escolar e clima da aula, centros saudables e relación coas familias (200 centros), iniciativas formativas no ámbito STEM (110 centros) e escola inclusiva e atención á diversidade (150 centros).