No Día internacional do Cancro Infantil o programa A Revista da Televisión de Galicia (TVG) desprazarase hoxe ata o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), onde se desenvolverá un acto en que actuarán algúns compoñentes da Real Filharmonía de Galicia e onde o programa se informará acerca desta enfermidade con Gonzalo Autrán, presidente da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia.

O espazo da TVG tamén viaxará a unha granxa de Chantada, onde acaban de desenvolver un queixo azul moi especial. Falarase cos responsables de Airas Moniz, un queixo fabricado con leite de vacas Jersey, moi raras en Galicia, e que xa ten lista de espera nas vendas.

No eido cultural, Sevi Martínez recibirá no estudio a Carmen Romero Dorr, autora de El último regalo de Paulina Hoffman. Este libro, situado na Alemaña nazi e na España da posguerra, está a resultar un éxito editorial.

Música

A música tamén terá protagonismo no magazine de hoxe posto que visitarán A Revista dous dos compoñentes do grupo de música galego Tangata. Alberto Vilas, pianista, e Enrique Migliarini, cantante, forman parte dunha banda que este ano fai o seu trixésimo aniversario e celébrao cun novo disco.

Ademais, coma todas as semanas, Moncho Lemos achegará as novidades do panorama cinéfilo.