Vinte e nove contribucións sobre as Irmandades da Fala expostas no ciclo organizado pola Real Academia Galega (RAG) co gallo do centenario da fundación deste movemento forman o novo volume editado pola Sección de Literatura da institución. No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos xunta as achegas dos relatores e relatoras que protagonizaron no segundo semestre de 2016 os encontros homónimos sobre un movemento que deu "un chimpo cualitativo e cuantitativo que fundamenta os principios da normalización" da lingua e que constituíu, en definitiva, un "capítulo fundamental para entender a realidade social e cultural da Galicia contemporánea", recorda no limiar o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

Organizado en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Xunta de Galicia, o ciclo percorreu A Coruña, Santiago, Pontevedra, Viveiro, Ourense, Lugo, Ferrol e Vigo abordando o significado das Irmandades.