No programa de hoxe a arte, en todos os ámbitos, será a gran protagonista. A Revista estará na exposición A arte no Cómic, aberta en Santiago ata o 15 de abril. Na mostra recóllense reinterpretacións en forma de cómic dalgunhas das obras máis famosas da pintura universal, así como unha recompilación do cómic feito por autores galegos.

A segunda das conexións en directo está tamén moi relacionada co mundo da arte, neste caso co teatro. O magazine viaxará ata A Coruña para coñecer o proxecto Mar de hilos, no que se busca a integración a través da arte en torno a diferentes actividades. Un dos proxectos definitivos será a realización dunha obra de teatro, que están a preparar na actualidade.

O espazo de Sevi Martínez contará cun ilustre convidado do mundo da literatura. O poeta Antonio Gamoneda, Premio Cervantes 2006 e Premio Reina Sofía no mesmo ano estará no espazo falando sobre a súa poesía. O escritor recitará parte da súa obra hoxe no ciclo Poetas di(n)versos na Coruña.

Ademais, no programa de hoxe falarase da renovación de Radio Galega Música, que aposta por espazos de autor e música en directo. Con este motivo, estarán no programa Moncho Lemos, coordinador da emisora e Ricardo Alonso, director e presentador de Estudio 3. Ambos explicarán de xeito máis concreto este cambio. E, coma todos os luns, estará en A Revista a xornalista Carla Reyes, que falará do sufraxio feminino cando se cumpren 100 anos.