Licenciada en Empresariais e especializada en desenvolvemento xerencial e comercio internacional, Berta Lema Añón leva dez anos como asesora de mulleres que queren emprender ou empresarias na delegación da Fundación Mujeres na Coruña, unha entidade que tamén traballa na prevención da violencia de xénero, en fomentar a igualdade, en apoiar as cuidadoras de familiares ou na cooperación internacional. Defínese como "feminista, comprometida coa economía social e intraemprendedora" e será unha das ponentes da xornada eWoman que se celebrará no Meliá María Pita o vindeiro 6 de marzo.

- Leva dez anos coma asesora de mulleres que queren emprender, como está a situación na actualidade, cambiou moito neste tempo?

-A raíz da crise económica si que hai maior emprendemento como fórmula de autoemprego, pero non só aquí senón que houbo un incremento a nivel estatal. Apoiadas no informe GEM Galicia - no que se analizan desde os motivos que levan a emprender, os tipos de emprendemento, a duración de proxectos ou o porcentaje de éxito- na nosa experiencia e noutras fontes que manexamos vese que tradicionalmente sempre houbo nas mulleres maior porcentaxe de emprendemento por necesidade que por oportunidade. Ti podes emprender porque dis 'ay, que gran idea', para isto seguro que hai un mercado, vamos a estudalo e a partir de aí montas un proxecto porque detectas unha necesidade no mercado e podes facelo por necesidade, porque necesitas crear o teu propio posto de traballo.

- Esa porcentaxe é maior nas mulleres?

-Si, nos últimos anos si que hai unha maior porcentaxe tanto de homes como de mulleres que emprenden por necesidade polas tasas de paro que temos, pero isto é máis acusado no caso das mulleres ás que se suma un motivo de moito peso á hora de emprender que non sucede cos homes: a cuestión de conciliación.

- É mais sinxelo se unha ten o seu propio negocio ou empresa?

-Depende de que tipo de empredemento. Aquí falamos máis de espazos de traballo, se teño un traballo que o podo organizar na miña casa -por iso moitas optan por vía servicios ou vía online- ou teño un comercio, onde os nenos pola mañá están no cole e despois poden estar na parte de atrás pois pódese facer.

- As dificultades para conciliar aínda son un hándicap na carreira profesional das mulleres?

-Si, si que o é, pero cando se fala de diferencias entre homes e mulleres hai que ter en conta outras cuestións. Non é o mesmo falar dunha muller dunha situación socioeconómica alta que outra dunha clase baixa ou dunha migrante que chega a un país desconocido. Non todas as mulleres somos iguais, hai outra serie de cuestións que operan á hora de enfrontarse a vida laboral. Por ser muller as cousas as teño peor? Depende, igual ti como muller dunha clase alta tes a vida moitísimo máis doada que un home migrante que vende na rúa. Hai que ter en conta outros aspectos.

- Que medidas poderían tomarse para mellorar o tema da conciliación?

-É un tema moi difícil, hai moitas medidas que se poden levar a cabo desde o ámbito público como privado. Unha das cousas que facemos na Fundación son plans de igualdade para empresas, iso desde o punto de vista privado nas empresas. Desde o punto de vista privado, na familia, trátase de que as mulleres tomen conciencia de aprender a negociar e a reclamar a parte que lles corresponde e os homes a ceder parte dos seus privilexios. Ás veces cando se fala de conciliación ou de medidas para previr a desigualdade e a violencia se incide moito no que teñen que facer as mulleres, pero os homes tamén teñen parte de traballo que facer. E nas administracións hai que tomar medidas para fomentar a igualdade e tamén está a educación que se debe facer nos colexios. Ás veces da a sensación de que os estereotipos e os roles son algo do pasado, pero se falas con nenos e adolescentes ves que están aí. Algo non estamos facendo ben pese a todas as medidas que se toman sobre igualdade, toca reflexionar.

- Hai diferenzas á hora de emprender entre homes e mulleres?

-Por xeneralizar, porque hai mil causísticas entre homes ou entre mulleres, si hai certas diferencias. No caso das mulleres estamos moi acostumadas pola socialización que recibimos a estar atentas a todo, a ser multitarefa. Hai ese querer asumir responsabilidades, non externalizar, querer facer eu todo, non delegar e sobrecargarme. Ademais as mulleres tamén teñen un maior temor a pedir un préstamo, a endebedarse é isto é un problema porque obviamente se queres montar un proxecto hai que valorar o risco, pero un risco maior é poner en marcha un proxecto que nace sen liquidez. Falando con elas ves que moitas veces no fondo está o estereotipo de que o home é o responsable principal de levar os ingresos a casa e a muller é un complemento de ingresos. Sempre falando en xeral é habitual que se é o home quen vai poñer en risco o patrimonio familiar para iniciar un proxecto de emprendemento ten mais apoios que se é a muller. Ademais hai diferencias por sectores, a maioría das mulleres que atendemos emprende no sector servizos, comercio ou hostelería.

- No seu departamento tamén se encargan de axudar a mulleres que xa teñen a súa empresa...

-Si, visibilizar o seu traballo é a asignatura pendente das mulleres empresarias. Teñen menos participación nas redes profesionais e parece que non estamos.

- Na súa traxectoria sufriu nalgún momento discriminación por ser muller?

-Nos meus inicios traballei como teleoperadora e nese posto, o máis baixo, eramos maioría as mulleres pero a medida que subías había moitos máis homes que mulleres, algo que era un pouco raro habendo mais mulleres que homes.

- Defínese como feminista, vive o feminismo un bo momento coas reivindicacións que xorden de diferentes sectores?

-Son feminista desde antes de saber o que era. Cando era pequena xa vía cousas que me chocaban como que os nenos xogasen o fútbol e nós ao baloncesto. Creo que hai moitos feminismos, gústame falar en plural, e estamos en construción e crítica permanente. Agora é un momento no que se está falando moito de feminismo tanto ben como mal. Tamén estou preocupada pola banalización do feminismo. Por exemplo está de moda as camisetas que poñen 'soy feminista' e iso é xenial porque igual a quen a leva lle da por investigar que é pero por outra parte hai que ver que implica ser feminista, a que nos estamos referindo... É un proceso que me parece que ten esa parte bonita de estar en construción permanente e de preguntarnos a nós mesmas que somos, como somos. Esta ebullición é positiva.