A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá este ano preto de 4,5 millóns de euros en obras de mellora enerxética en novo centros educativos. O departamento autonómico vai convidar a unha selección de 47 arquitectos novos a que presenten os seus proxectos para acometer as devanditas actuacións previstas para 2018 dentro do Plan de Rehabilitación Integral de centros educativos da Consellería. Deste xeito, a Xunta dá continuidade ao seu compromiso coa empregabilidade das persoas máis novas, facilitando ademais que poidan incorporar esta experiencia ao seu currículo.

Este convite ten como obxectivo servir de lanzadeira para dar a coñecer a estas arquitectas ou para incrementar a súa reputación persoal e profesional. O feito de que a maioría das participantes sexan mulleres contribúe ao presenza do xénero feminino nas políticas públicas, como elemento clave para o seu desenvolvemento profesional.

No Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas, posto en marcha en 2016 e que conta cun orzamento de 118,5 millóns de euros ata 2020, a Consellería vai desenvolver obras de Rehabilitación Integral (enerxética e funcional) en nove centros de ensino o ano próximo; no CPI do Feal (Narón), no CPI Plurilingüe de Fonte-Díaz (Touro), no CEIP Veleiro-Docampo (Castro de Rei), no CEP Luís Tobío (Viveiro), no CEIP Plurilingüe de Ribadavia, no CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia), no CPI Alfonso VII (Caldas de Reis), no CPI Santa Lucía (Moraña) e no CEIP Pena de Francia (Mos).