A Real Academia Galega (RAG) dedicaralle o Día Mundial da Poesía a Xohana Torres. A escritora e académica de número, falecida o pasado mes de setembro, será recordada o vindeiro 21 de marzo nun acto literario e musical, a partir das 19.30 horas, no que poetas de distintas xeracións e amizades da autora lerán e comentarán desde unha perspectiva persoal fragmentos da súa obra. Guadi Galego e Guillerme Fernández poranlle música a esta homenaxe.

Tamara Andrés, Xosé Manuel Beiras, Berta Dávila, Xosé Luís Franco Grande, Margarita Ledo, Carlos Negro, Ánxeles Penas, Luz Pozo Garza, Ismael Ramos, Ánxela G. Abalo, Gustavo Pernas e Euloxio R. Ruibal recitarán e comentarán anacos de obras Xohana Torres, desde versos de Do sulco -o seu primeiro poemario, publicado en 1957- e un fragmento da obra teatral Da outra banda do Iberr (gañadora do Premio Castelao en 1966) ata poemas de Estacións ao mar (Premio da crítica española en 1981) e Tempo de ría (1992).

Tras a apertura do acto a cargo do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, Marilar Aleixandre presentará o programa, que arrincará coa loanza, a cargo da poeta Ana Romaní. O serán continuará cos recitados e as actuacións musicais. Na última parte da celebración, será o académico Xesús Alonso Montero, quen recorde a Xohana Torres.