A gala dos XXII Premios de Teatro María Casares, que terá lugar o vindeiro mércores no Teatro Rosalía Castro da Coruña, conmemorará o corenta aniversario de teatro profesional en Galicia, xa que foi en 1978 o ano no que estrearon obras compañías xa profesionais como Antroido, Troula ou Artello. Deste xeito, a gala ademais de festexar a gran produción teatral do 2017, festexará a historia da nosa escena. Así o adiantou Artur Trillo, director da gala, na presentación dos María Casares, que tivo lugar este mediodía no Concello da Coruña coa participación do alcalde da cidade, Xulio Ferreiro; do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e a presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Nieves Rodríguez.

“Talía desenvolverá unha pequena viaxe a través do humor polos corenta anos de teatro profesional galego. Teremos sobre o escenario un percorrido con pequenas pinceladas da nosa historia, sempre dende un punto de vista cómico”, sinalou Artur Trillo antes de engadir que ao longo da cerimonia se presentará unha “reflexión amable e sincera” sobre que é ser actor e actriz, director e directora, escenógrafa e escenógrafo, “en definitiva, que é ser teatreiro e teatreira en Galicia”.

Pola súa banda, Nieves Rodríguez destacou que a AAAG decidiu confiarlle a Talía a dirección da gala “pola súa longa e contrastada experiencia” e definiu a formación como “unha compañía histórica” que neste 2018 cumpre trinta anos de actividade. Para rematar, a presidenta da AAAG destacou a “gran calidade da colleita desta edición” na que 32 espectáculos e máis de 300 profesionais concorreron aos premios, dos cales finalmente nove producións aspiran a gañar o María Casares nas catorce categorías nas que se dividen os galardóns.

Un total de nove espectáculos son finalistas nos XXII Premios de Teatro María Casares. Resaca, de ilMaquinario Teatro, é a montaxe con maior número finalistas ao optar a dez galardóns. Pola súa banda, Martes de Carnaval, do Centro Dramático Galego (CDG), aspira a nove galardóns; mentres que Soño dunha noite de verán, de Voadora, e A cabeza do dragón, de Producións Teatráis Excéntricas, compiten en sete apartados. Elisa e Marcela, de A Panadaría, aspira a seis galardóns e Outono, de Pista Catro, a dúas xerras. Cun finalista atópanse os espectáculos A galiña azul, de Tanxarina Teatro; Fillos do Sol, de Contraproducións, e Pum! Pum!, de Baobab Teatro. Pola súa banda, Rosa Álvarez recibirá o Premio de Honra Marisa Soto e Aldaolado, dúo artístico formado por Lucía Aldao e María Lado, lerán o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.