En maio de 1990 saía á luz o primeiro número de A Trabe de Ouro. Revista galega de pensamento crítico,A Trabe de Ouro. Revista galega de pensamento crítico cunha frase de Álvaro Cunqueiro como mascarón de proa: "Estamos abertos a todos e a todo; tentaremos que nada da noso tempo e a nosa terra nos sexa alleo". Un compromiso que se mantén intacto case vinteoito anos despois, a pesar de que a revista tivo que facer fronte a moitas vicisitudes, tal e como lembrou onte o seu director, o escritor e académico Xosé Luís Méndez FerrínXosé Luís Méndez Ferrín. "Tivémonos que enfrentar a un mundo en disolución de principios e ser obxecto de burla dos que pensaban que as solucións eran o liberalismo e a globalización capitalista", rememorou Ferrín.

A Biblioteca Municipal de Montealto acolleu a presentación do número 106 de A Trabe, o que supón a consolidación dunha nova singladura baixo o selo de Atlántica de Información e Comunicación de Galicia -editora tamén da revista mensual Tempos Novos-, que en decembro de 2015 deu novo impulso a un proxecto que encallara polas dificultades económicas que atravesaba Sotelo Blanco, editora dende os comezos. "Estamos orgullosos de poder continuar a navegación, na que seguirán acompañándonos os amigos e colaboradores de aquí e do exterior, e tamén os lectores e lectoras, que consideramos o noso mellor tesouro posto que sempre acolleron A Trabe de Ouro con atención teima crítica e animadora. A eles lles agradecemos a confianza que puxeron neste proxecto, hai case vinteoito anos atrás. Sen os lectores, nada disto tería sentido", destacou o conselleiro delegado de Atlántica, Fernando de Paz.

A crise internacional que provocou a caída do socialismo real nos países do leste de Europa foi un dos detonantes para a aparición de A Trabe de Ouro, que nos seus case vinteoito anos de andaina recorreu feitos como a crise do campo, a desrruralización ou a fusión das caixas, demostrando que estar afincado na propia terra é un xeito de pensar o mundo desde aquí. "Os pensadores marxistas de toda Europa entran nas páxinas desta publicación con textos, antes de que se editen en forma de libro", subliñou Rosa López Fernández, da secretaría de redacción de A Trabe, a única revista galega que ten editorial. Francisco Fernández Rei, tamén da secretaría de redacción, lembrou aqueles primeiros tempos -"cando Ferrín nos xuntou a todos e botamos a andar"-, falou de diversos traballos e seccións da publicación e compartiu cos asistentes á presentación o seu desexo para os vindeiros anos: "Seguir a soñar e a traballar por unha Galicia autodeterminada".