Hoxe celébrase en Ferrol a Noite das Pepitas, Festa de Galicia de Interese Turístico, e o programa Aquí Galicia estará en directo na cidade para retratar as horas previas desta celebración tradicional, unha das máis antigas da zona. O espazo da Televisión de Galicia (TVG) fará un repaso pola súa historia de máis de 120 anos. En grupos e ataviados con capas, na véspera do día de San Xosé, os ferroláns percorren as rúas da cidade con guitarras e outros instrumentos.

Para coñecer de preto as rondas, as formacións protagonistas desta festa, Aquí Galicia acompañará nos seus preparativos a rondalla Sonidos del Alba. Todas as rondallas teñen as súas madriñas, o que é considerado como unha grande honra. O programa verá como se preparan para esta noite as madriñas de Añoranzas, Club de Campo e a devandita Sonidos del Alba.

Como é habitual, o espazo presentado por Lucía Rodríguez fará turismo polo seu lugar de destino, visitando neste caso o Ferrol vello, o porto, o Teatro Jofre, os edificios modernistas do barrio da Madalena, os xardíns de Herrera e a ruta das Meninas de Canido. Os reporteiros de Aquí Galicia tamén realizarán un percorrido polo litoral ferrolán e visitarán os museos máis destacados da cidade, que alberga algúns dos mellores centros de toda Galicia.

Ademais, en vésperas da Semana Santa, o programa falará con representantes das Confrarías de Ferrol, que lles adiantarán aos espectadores todo o que están a preparar para esta celebración de Interese Turístico Internacional.